Site icon Crónica3.com A Mariña

O Seminario de Estudos do Valadouro difunde o seu caderno nº 10, “Flores de primavera do Valadouro”

Alfoz, 12 de setembro de 2020. O Seminario de Estudos do Valadouro (SEVA) decidiu poñer a disposición dos interesados o Caderno nº 10 da colección “Cadernos do Seminario de Estudos do Valadouro”, obra de Pedro Rolle Chaves. O acto de presentación da obra fora cancelado o pasado mes de marzo por mor da evolución do Covid-19 polo que, desde o SEVA, consideraron oportuno proceder a súa difusión sen actos públicos, “un xesto de responsabilidade e como medida de precaución y prevención ante a situación sanitaria” indica Xabier Pardiñas, presidente do SEVA, quen agradece a complicidade do autor, co que se reuniron o pasado mércores nas dependencias do Seminario de Estudos do Valadouro en Alfoz.

Pedro Rolle falou da orixe da obra indicando que, ante a cantidade de información sobre flora e fauna, recompilada nas súas rutas interpretativas de O Freixo dos Lobos, “decidín poñerme en contacto co SEVA para propoñerlles facer un caderno de plantas con flor dos concellos de Alfoz e O Valadouro”, indica o autor. Así xurdiu Flores de primavera do Valadouro, unha obra “feita co obxectivo de acercar a xente á natureza , para que a coñezan , única maneira de querela e protexela , e mostrarlles dun xeito sinxelo e vistoso, a flora presente no Valadouro”. Precisamente, un dos obxectivos de Pedro Rolle é que “non fose difícil de ler e que non fose excesivamente técnico”. Para a realización do caderno, escolléronse as plantas con flores máis vistosas, identificándoas e buscando información sobre elas nun proceso que, segundo indica o autor, “levou mais de catro meses de intenso traballo de investigación”. Ademais da descrición propia de cada especie, o caderno fai un repaso pola morfoloxía das flores, das plantas, pola súa orixe, así como polas características climatolóxicas da zona na que se fixo o estudo .

Pero como unha imaxe vale máis que mil palabras, e para que a obra estivese completa, non podía faltar un minucioso traballo de fotografía no que captar as peculiaridades de cada exemplar. Para iso, Pedro Rolle contou coa axuda de Carlos Cornide, O Belga, “un bo amigo e mellor profesional, que con unha paciencia e bo facer propios de todo artista, plasmou as características máis destacadas de cada planta nas imaxes que acompañan a cada especie”, indica o autor.
No caderno podemos atopar as especies divididas por cores e dentro de cada cor, están os nomes das plantas, por orde alfabética, co nome científico, “xa que é a única maneira de poder nomear unha planta de igual xeito en calquera lugar do planeta”, indica Rolle. Ademais, na maioría das especies, aparece o nome común en Galego , Portugués e Castelán.
Entre as especies que aparecen no caderno atopamos plantas moi diversas …gabeadoras , tapizantes , aromáticas , medicinais , de froito comestible , tóxicas …incluso “algunha especie que nos pode parecer exótica, como o satirón apincarado , unha especie de orquídea dos nosos campos” .
Para o autor esta obra é tamén “unha maneira de comparar a flora que hai hoxe , ca que poida haber dentro de , por exemplo 50 anos, e estudar a evolución destas especies, moi ligada ó cambio climático e á presión que sofren os seus hábitats por parte do ser humano”.
Na reunión mantida con membros da Xunta Directiva do SEVA, Pedro Rolle quixo transmitirlles o seu agradecemento pola difusión do libro, querendo tamén dar a grazas a Pepe Peinó, anterior presidente do SEVA, “por ter a ben publicar este estudo”, así como ao biólogo Jaime Fagúndez Díaz, “por atenderme persoalmente” e de igual xeito a Pablo Ramil Rego, “por cederme os mapas que saen nesta publicación”. O autor, Tamén quixo deixar constancia do seu agradecemento a “meus pais e á miña compañeira Yolanda, por apoiarme en todo o que fago”
O presidente do SEVA, Xabier Pardiñas, indica que a “finalidade destes traballos é a súa difusión”, neste sentido o novo caderno poderase adquirir nos puntos de distribución habitual de Alfoz, O Valadouro, Foz, Burela e Mondoñedo, ou a través de calquera membro da actual Xunta Directiva do SEVA. O caderno distribuirase tamén por bibliotecas, institucións e outros colectivos, “para podelo achegar ao maior número de xente posible”. Ademais, tanto o autor coma o SEVA indicaron a súa predisposición realizar actividades de divulgación da obra “tanto promovidas desde o propio colectivo como desde outras institución que nolo soliciten”.

Exit mobile version