Con esta “nova normalidade” que tan seriamente se viu afectada pola pandemia do coronavirus, e desde o recordo triste e sentido a todas as persoas que faleceron como consecuencia do devandito virus; xunto co conflito laboral existente na planta de Alcoa agora máis que nunca se fai necesario que a sociedade burelá camiñe xunta para salvagardar o pequeno comercio do noso municipio, e así poder mitigar, coa nosa actuación proactiva, os efectos económicos e sociais que estamos a padecer.
Agora que da comezo o novo curso escolar e que todos tentamos voltar a unha rutina máis ou menos normal, é o momento de achegarnos aos nosos comerciantes que sufriron en primeira liña as consecuencias do impacto. Se temos que adquirir unhas deportivas, unha camisa, un libro, un vestido ou unha lámpada, quedemos en Burela. Se necesitamos adquirir algún ben, busquemos na nosa cidade. Se desexamos tomarnos unha cervexa ou comer cos amigos, fagámolo no pobo. Merquemos aquí, xa que todos o necesitamos.
Ademais de propiciar que o pequeno comercio local sobreviva, tamén contribuímos a que se poida manter o emprego, nuns momentos nos que é imprescindible que todos os burelaos fagan unha aposta pola defensa dos postos de traballo, tanto das persoas autónomas que rexentan os establecementos como do persoal que traballa neles.
Porque esta é unha das mellores formas de facer un pobo cohesionado, onde todos os veciños e veciñas sexamos protagonistas do seu desenvolvemento. Xuntos e unidos poderémolo conseguir.
Corte en Eijo Garay
Aproveitamos tamén para facer público o malestar de moitos veciños e veciñas do nosos municipio no día de onte polo corte da rúa Eijo Garay por parte do Concello durante toda a xornada e sen previo aviso. Valoramos positivamente todas as obras que redunden na mellora das nosas rúas, pero non podemos entender nin aceptar que o Concello non avisara con antelación deste corte. Esta rúa é a principal vía de comunicación entre a Avenida Arcadio Pardiñas co porto e coa zona das calles novas. O seu corte de circulación ocasionou moitos trastornos para veciños e comerciantes desa zona que poderían terse minimizado cun anuncio anticipando as obras.
Cortes de rúas cada xoves en Torrentes
Ademais queremos amosar o noso desacordo co corte das rúas da zona de Torrente que cada xoves pola tarde que fai o Concello. Dende que os nosos gobernantes locais decidiran unilateralmente, e sen mediar calquera tipo de diálogo, cambiar o emprazamento do mercado semanal para a zona de Torrentes vense cortando estas rúas a véspera da celebración do mercado. É habitual que ás 19:00 horas dos xoves tódalas rúas desa zona estean valadas cortadas ao tráfico, cando a celebración do mercado non é ata a mañá do día seguinte (venres). Pensamos que o axeitado sería cortalas a primeira hora da mañá do mesmo venres (como se viña facendo cando o mercado se celebraba nas calles novas) ou en todo caso, prohibir dende o xoves pola tarde só o aparcamento e deixar a vía libre para os vehículos ata o venres.