Site icon Crónica3.com A Mariña

O Vencello valora positivamente a proposta de Herminia Pernas como cronista oficial de Burela e propón a creación dun Arquivo Histórico Municipal

 Burela, 25 de setembro de 2020. Dende a Asociación de veciños “O Vencello” valoramos positivamente o acordo adoptado onte polos tres grupos municipais en canto á recuperación da figura de cronista oficial da vila. Esperamos que este acordo á hora de elixir a dona Herminia Pernas para o cargo sirva para fomentar a transparencia e o consenso no noso concello.
Ben sabemos que a figura de cronista oficial ten unha larga tradición como narrador obxectivo dos feitos que, polo seu interese, deben rexistrarse na historia dunha localidade. Polo tanto, é fundamental que dito nomeamento non quede en algo simplemente honorífico.
Estamos convencidos da valía da señora Pernas Oroza para o cargo porque somos coñecedores dos seus valiosos estudos e investigacións no campo da historia. Por iso, desexamos que cando a señora Pernas tome oficialmente posesión do seu cargo poida dispor de todas as ferramentas e do apoio institucional precisos para desenvolver o labor encomendado polo pobo de Burela.
Arquivo histórico municipal
Co anhelo de difundir o noso coñecemento, co afán de divulgar o noso patrimonio histórico e coa ambición de non deixar no esquecemento as nosas orixes, o enorme esforzo feito para conseguir a Burela actual dende “O Vencello” propoñemos tamén que a Corporación municipal comece a traballar para crear na nosa vila un arquivo histórico municipal no que se recompilen todo tipo de documentos (oficiais, gráficos, orais…) relacionados coa nosa vila e que sirva como testemuño e como fonte de información da nosa historia, tanto á propia institución coma ao cidadán en xeral.
Sabemos que non é unha tarefa doada. Por iso, consideramos que sería conveniente que dende o Concello se pedise a colaboración de veciñas e veciños, de institucións como a Confraría de Pescadores, ou doutras administracións, como o Concello de Cervo, que poidan aportar calquera tipo de documento, fotografía ou publicación para a súa dixitalización e posterior inclusión no devandito arquivo.
É urxente a creación dunha praza de arquiveiro para levar a cabo este arduo traballo de recompilación de documentos nos que perviva ao longo do tempo a historia da nosa vila para as xeracións futuras.
Pola nosa parte, poñémonos á disposición da Corporación porque cremos firmemente que, en temas coma este, deben ser as entidades como o concello as que deben liderar todo este proceso en colaboración cos grupos municipais buscando, sempre que sexa posible, a unanimidade.

Exit mobile version