Site icon Crónica3.com A Mariña

O xoves celebrarase pleno ordinario no concello burelés, no que se aprobará o nomeamento de Herminia Pernas como cronista oficial da localidade

 Burela, 22 de setembro de 2020. O vindeiro xoves, 24 de setembro, haberá pleno ordinario telemático no Concello burelés no que se aprobará o nomeamento de Herminia Pernas como cronista oficial de Burela; tamén se someterán a aprobación os festivos locais para o 2021, que serán o 16 de febreiro (Martes de Entroido) e o 7 de xuño (o luns das festas patronais); e a firma dun convenio coa Vicepresidencia da Xunta para a convocatoria e desenvolvemento de procesos selectivos unitarios para o acceso ás diferentes categorías dos corpos da Policía Local.
O alcalde, Alfredo Llano, dixo que “este xoves, día 24, vamos ter un pleno ordinario, que é o que corresponde no mes de setembro. Van tres puntos que considero que son importantes. Un deles é a ratificación, a elección xa definitiva, espero, da nosa cronista oficial, que é Herminia Pernas Oroza. É unha cuestión compartida polos tres grupos que conformamos a Corporación Municipal de Burela, é unha iniciativa coa que estamos de acordo os tres grupos para nomear que esta persoa sexa a cronista de Burela. Por tanto espero que todo vaia moi ben. É unha persoa que xa é coñecida e recoñecida polo seu labor e pola súa vocación de traballar temas de Burela en todos os aspectos que corresponden a patrimonio, a historia, a cultura, …; todo o que sexa interesante para calquera, tanto para os que vivimos aquí como para os que veñan de fóra. Eu penso que é unha persoa que está perfectamente preparada para levar o seu traballo da forma máis axeitada e moi representativa do sentir de todos os veciños de Burela”.
O rexedor contou que “outro punto é a elección dos días festivos para o ano 2021, que van ser o 16 de febreiro (martes de Antroido) e o luns das festas, que é o 7 de xuño. Basicamente son os mesmos de todos os anos e espero que tampouco haxa problema neste aspecto”.
Llano engadiu que “tamén queremos levar para diante outro tema, que é facer un convenio coa Xunta de Galicia, a través da Academia Galega de Seguridade Pública, que teñen na Estrada, para delegar neles os exames, a preparación, as prácticas e a formación do persoal de Policía Local, ademais de optar a axentes auxiliares, se nos fixeran falta. Agora mesmo temos dúas prazas vacantes que vamos convocalas xa a través da Academia Galega de Seguridade Pública, iso espero, para poder dispoñer deses policías a partir de xaneiro. Este é un convenio que para o Concello supón todo vantaxes, dado que non temos que asumir ningunha contía económica; si temos que cumprir uns parámetros, o que loxicamente estamos dispostos a facer, e parécenos que é unha vantaxe clara para poder ter estes profesionais o antes posible para o Concello”.
Este pleno ordinario será telemático. O alcalde agarda que o próximo xa poida ser presencial e anuncia que “serán emitidos en directo para que a cidadanía poida seguilos desde calquera lugar”.

Exit mobile version