Site icon Crónica3.com A Mariña

“Outono”, por Xabier Grandío

Cada ano experimento un gran pracer cando empeza o tempo da caída das follas nas rúas de Foz, as paisaxes ocres nas montañas e vales, os postos de venda de castañas e a redución progresiva da luz até chegar ao punto do solsticio de inverno, que nós celebramos co Nadal. Si, definitivamente o outono é a miña tempada preferida.

O outono é friaxe cada vez maior e a vitoria da lúa sobre o sol, que os galegos representamos tradicionalmente coa festividade do Samaín, a noite do 31 de outubro, actual noite de Todos os Santos. Esta realidade dual de escuridade e luz, despoxada dun significado pexorativo, é importante e axúdanos a entender que estas datas son ideais para a introspección e para pasar máis tempo cos seres queridos cos que convivimos. A psique dos seres humanos precisa prazos de preparación, non funciona con estímulos lineais e o outono é unha doce transición que supón a fin dun ciclo e o inicio dun novo.

Unha confusión recorrente é non atribuírlle ao outono o valor que ten como tempo de reflexión que nos permite tomar despois impulso, tomar decisión importantes e iniciar novos propósitos coa chegada do Aninovo. As relixións, tanto as pagás como a cristiá, entenderon esta circunstancia e non ten que estrañar que, sexamos ou non crentes, asumamos algunhas tradicións; lembremos que a data oficial do Nadal non foi establecida até o ano 350 e niso tivo moito a ver a asimilación da festa pagá romana das Saturnais, relacionadas coa fertilidade. Nunca me gustou a referencia da Terceira Idade como “outono da vida” porque os procesos biolóxicos están aí, certo, pero o outono é a porta para que naza algo novo.

Se vives en Galicia, este é o mellor momento para comer polbo (aínda que non haxa feiras) en Lugo ou Mondoñedo, reunirse para facer un magosto nas terras de Ourense e lembrar que, neste tempo, a fronteira entre os vivos e os que están no alén se dilúe. Desfruta do outono!

Exit mobile version