Site icon Crónica3.com A Mariña

Patricia Otero: “Alcoa quedou sen escusas cando rompeu as negociacións unilateralmente e sen xustificación”

 Lugo, 28 de setembro de 2020. A Secretaria Provincial de Lugo e Deputada Autonómica, Patricia Otero advertiu hoxe que “Alcoa quedou sen escusas, cando rompeu as negociacións unilateralmente e sen xustificación”. Así o dixo tras coñecer o peche en banda da empresa para non vender a Liberty a fábrica de San Cibrao.

Otero cualifica esta decisión como “intolerable”. A Secretaria Provincial explica que “despois de moito tempo negociando tanto as administracións como os sindicatos, Alcoa xogou co futuro dos traballadores e de toda a comarca da Mariña. O seu nulo desexo de chegar a un acordo de venda a un grupo sólido demostra que carece de calquera outro interese que o seu propio beneficio”. Remarca que Alcoa amosou durante todo este proceso “que foi unha decisión pura e sinxela de recolocar a produción. O resto foron escusas”, replicou.

Ademais Patricia Otero sinalou que “o Goberno de España estivo absolutamente comprometido cos traballadores ata o punto de realizar unha proposta para mercar Alcoa, e despois revendela a Liberty. E así, garantir o futuro da fábrica. Unha proposta sen precedentes de alcance extraordinario en defensa da Mariña. A resposta de Alcoa, sen ningún fundamento, é o peche”.

O PSdG de Lugo está orgulloso de ter un Presidente comprometido
Nesa liña puxo en valor “a decisión e a firmeza do Goberno de Pedro Sánchez que se comprometeu o indicible na defensa dun futuro para as plantas de San Cibrao. O PSdG de Lugo está orgulloso de ter un presidente e un goberno comprometidos cos intereses dos traballadores. Sabemos moi ben que o seguirán facendo día tras día”, dixo.

Traballo conxunto das administracións
Por último, Otero explicou que “o Goberno de España deixou moi claro o seu compromiso cos traballadores, coa Comarca da Mariña e con Galicia, e non renunciará nunca na defensa dos seus postos de traballo. Seguirá defendéndoos contra unha decisión inmoral como a adoptada por Alcoa”. E engadiu tamén que “cando as administracións, traballan xuntas, como nas últimas semanas a defensa dos intereses dos traballadores é máis eficaz. Confío en que o sigan facendo nos próximos días e semanas”, resumiu.

Exit mobile version