Así o dixo trala celebración da Mesa Multilateral sobre Alcoa. E insistiu na súa argumentación “o Goberno de España presentou unha proposta de venda para desbloquear o estancamento que se produciu na negociación e que é aceptada por todas as partes (comité de Empresa e administracións), salvo de maneira absolutamente inxustificada por Alcoa”, denunciou.
Por iso cualifica a actitude de Alcoa como “empresarialmente inxustificable e moralmente intolerable que unha multinacional que, recibiu centos de millóns de euros nos últimos anos, se negue agora a vender por razóns inconfesables poñendo en risco centos de empregos, e o futuro de moitas familias e da Mariña enteira”. E remarca que “a administración central e autonómica e os sindicatos están traballando unidos para facer posible a venda”.
A dirixente socialista dixo que nestes intres “hai comprador, existen as condicións axeitadas para esta operación e hai tempo para levar a cabo esta venda. Non hai nada real que poida impedila. Polo tanto Alcoa ten que vender, esa é a nosa esixencia. Os traballadores e as súas familias contan con todo o respaldo de todos os socialistas”, resumiu.