Site icon Crónica3.com A Mariña

Pontón fai un chamamento a Sánchez e Feixóo a sentarse xa na mesma mesa e traballar unidos para salvar ALCOA

 Santiago de Compostela, 28 de Setembro 2020. Tempo de desconto para salvar ALCOA-San Cibrao a través dunha solución legal e viable que o BNG puxo sobre a mesa desde o primeiro minuto: intervención pública do Estado e da Xunta para nacionalizar a factoría garantindo produción e emprego e o futuro da Mariña.
Para iso, a líder do BNG, Ana Pontón, remite unha carta ao presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, e ao presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixóo, cun chamamento urxente para ambos: que se senten na mesma mesa de inmediato e traballen unidos para salvar unha fábrica clave para Galiza e a única de produción de aluminio primario en todo o Estado.
“Deben sentarse hoxe mesmo para concretar os termos desa nacionalización así como as aportacións que vai facer cada quen. Desde o BNG levamos meses dicindo que esta era a solución, Xunta e Goberno central apostaron por outra vía, que agora vemos que non dá froitos, e polo tanto tócalle a Sánchez e a Feixóo, man a man, mover ficha e sen perder nin un minuto máis, ofrecer unha proposta de intervención pública para salvar os case mil empregos directos e buscar unha vía de futuro”, demandou a portavoz nacional.
É unha proposta legal e viable, -alegou-, que xa teñen posto en práctica países como Alemaña ou Portugal e que nada impide que se faga tamén en San Cibrao, se hai vontade política. “Por que a señora Merkel en Alemaña líder dun goberno de dereitas pode nacionalizar Lufthansa por considerala estratéxica e en España o que presume de ser un goberno progresista non pode facer o mesmo con ALCOA sendo clave para Galiza e a única fábrica de aluminio primario do Estado?”, interpelou Pontón, quen tamén destacou o seu convencemento de que se a factoría estivese localizada en Madrid “xa habería sobre a mesa unha proposta de nacionalización pero parece que para os partidos estatais os problemas de Galiza non contan, que deixen de buscar escudas e se poñan a traballar. Desde o BNG imos dar a batalla para que se adopte esa solución que é legal, posible e viable”.

Exit mobile version