O BNG advirte que de non se lograr un acordo para a venda de Alcoa, a falta dunha alternativa como a intervención pública, provocará o peche da factoría o que supoñerá unha catástrofe económica e social para toda a comarca. “Non entendemos como o Goberno español non aposta pola nacionalización da factoría, que xa no seu día foi pública e que nunca debeu ser privatizada, asegurando así, os postos de traballo e o futuro económico do principal motor económico na Mariña” destacou o deputado Néstor Rego.
Durante a súa intervención, Rego volveu lembrar que “nin o marco normativo galego, nin o do Estado, nin o da Unión Europea impiden a nacionalización de Alcoa”, e que por tanto, esta solución só precisa da vontade política das Administracións públicas, solución que permitiría preservar o emprego e salvar unha comarca enteira.
O BNG conseguiu que o pleno do Congreso aprobase a proposta para garantir que a transición ecolóxica fágase con xustiza social prevendo investimentos e establecendo plans de substitución económica para a comarca da Pontes e o concello de Cerceda. Trátase de sentar as bases para concertar unha Transición Xusta que realmente supoñan a reactivación económica e a creación de postos de traballo que permitan recuperar o dinamismo destes dous concellos, posibilitando un futuro para os seus habitantes que non os aboque ao paro ou á emigración.
Rego destacou que “é imprescindible a posta en marcha de Plans de Transición Xusta para as centrais térmicas en Galiza”, así como a urxente articulación de compensacións e proxectos que palíen as consecuencias negativas no ámbito económico e social.