Site icon Crónica3.com A Mariña

UGT non recoñece o período de consultas en Alcoa porque a empresa nunca tivo intención de vender

 Santiago, 25 de setembro de 2020.- UGT-FICA-Galicia manifesta que non recoñece o período de consultas das seis semanas aberto por Alcoa para o período de venda e, polo tanto, tampouco a finalización do mesmo. Para o Sindicato, o que fixo Alcoa foi enganar a todos os traballadores da factoría lucense facéndolles crer que estaba aberta a unha posible venda pero a realidade era outra.
Alcoa nunca pensou en vender. O que sucedeu é que se viu condicionada polas administracións, tanto a central como a Xunta, porque hai un comprador viable e viuse obrigada a cubrir un expediente abrindo un trámite de venda no que nunca creu e ao que non estaba disposta, así o demostraron os acontecementos.
Para UGT-FICA-Galicia, este foi un xeito de actuar pouco ético e con mala fe por parte dunha empresa como Alcoa e que constituíu unha auténtica mofa para os seus traballadores, os seus representantes e para as propias administracións.
Chegado este punto, o Sindicato reitera que non recoñece o devandito período de consultas, nin, polo tanto, o seu peche, e insta ás administracións, tanto á central como á Xunta, a que interveñan e obriguen xa a Alcoa a vender, deixar entrar a un novo inversor que garanta un proxecto de futuro para a planta de San Cibrao e para os seus traballadores e a que, polo tanto, abandone as instalacións.

Exit mobile version