Site icon Crónica3.com A Mariña

Vintedúas firmas ofrecerán os seus produtos na mostra de artesanía Artesanfroilán, do 2 ao 12 de outubro en Lugo

 Lugo, 25 de setembro de 2020.- Vintedúas firmas ofrecerán os seus produtos na mostra de artesanía Artesanfroilán, do 2 ao 12 de outubro na Praza Anxo Fernández Gómez de Lugo.

O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, sinalou que “coa organización do Artesanfroilán mantemos unha cita consolidada, que cumpre 24 anos, e que supón un importante escaparate para as artesás e artesáns da provincia, máis nun ano complicado coma este no que se suspenderon outras feiras e mercados”. “Tendo en conta esta situación, otamos por eliminar as taxas a pagar pola instalación polo que a participación na mostra non terá ningún custo para os artesáns”, explicou.

Efrén Castro subliñou que “como non podía ser doutra maneira, a mostra se organizará tendo en conta os protocolos marcados polas autoridades sanitarias, para garantir a seguridade tanto das artesás como das persoas que acudan ao mercado”.

Cerámica, marroquinería, cestería, tecidos e xoguetes de madeira

Entre as firmas seleccionadas, figuran artesás e artesáns de toda a provincia e con distintas disciplinas. A mostra contará con firmas de cerámica como Otero Regal, Lanalutum, Mi madre no me deja, Ceniza de Papel, La Bellota Mágica ou Esquina Atlántica, que amosarán unha ampla oferta de pezas para o servizo de mesa, para deoaración ou como elementos de bisutería.

Tamén haberá unha ampla representación de artesáns lucenses dedicados á marroquinería como Vidal Revilla, Tres Caracoles, Senda, Fonte Meimil, Rappa, Bolboretas de Coiro e O Mestizo.

O tecido, a cestería e os complementos estarán presentes con firmas como Fusaiola, Idoia Cuesta, Imavi ou Lucecús. Tamén se sumarán a mostra Enxógate, Arcoiris e Amigurumis Jano, que elaboran xogos de madeira, e M&N e Mis Marinillas, que deseñan xoias e complementos.

Exit mobile version