Este novo investimento súmase aos 330.000 euros que a institución provincial xa aportou, a través doutros convenios e do Plan Único, a este proxecto que impulsa o Concello de Pol para crear unha gran área para o fomento do deporte nun terreo de 38.000 m², que inclúe un campo de fútbol de herba natural e unha área de xogos situadas preto do pavillón municipal, o colexio e a piscina.
A través do novo convenio, a Deputación de Lugo colabora na dotación a esta nova infraestrutura deportiva de titularidade municipal con vestiarios, sala de ximnasio, unha tribuna, focos e torres de luz, e tamén cunha nova vía independente que facilitará o acceso ás piscinas anexas á área deportiva. José Tomé subliñou que “con este investimento, ademais de dinamizar o emprego a través da obra pública, a Deputación contribúe a que a área de lecer e deportiva conte cos servizos necesarios para que se converta nun eixe dinamizador da localidade, tanto social, como económico, favorecendo o asentamento de poboación no rural”.
O Alcalde de Pol, que agradeceu a nova colaboración da Deputación con esta infraestrutura pública deportiva, destacou que “Pol contará co primeiro campo de fútbol de titularidade municipal e dunha grande área de lecer con xogos e outros equipamentos que permitirá fomentar o deporte entre a veciñanza da localidade e da contorna e tamén dinamizar a economía do concello”.
O campo de fútbol contará cunhas dimensións de 105×68 metros de terreo de xogo, máis de 1,5 metros de bandas nos laterais e 2,5 metros nos fondos. A zona de xogos constará de pistas de billarda, bolos, petanca, pádel, xogos de mesa e unha tirolina.