Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta acomete traballos de limpeza no leito e as marxes do río Xunqueira e o Rego do Cal, en Viveiro e Muras

 Viveiro, 24 de outubro de 2020. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, executou labores de limpeza no leito e as marxes do río Xunqueira, en Viveiro, e no Rego do Cal, en Muras.

O delegado territorial, Javier Arias, sinalou que se trata de traballos de conservación e de retirada de árbores e pólas caídas, así como madeira morta e outro material que poida obstruír o curso da auga.

A actuación en Muras xa está rematada; desenvolveuse entre os días 16 e 22 de outubro e incluíu a recollida de dúas árbores na canle do río Eume no entorno da desembocadura do rego. Polo que respecta ao río Xunqueira, a intervención afecta a un tramo de 130 metros que discorre polas parroquias de Santa María e Santiago, e está previsto que remate o próximo luns día 26.

Estas accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-Centro. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén así activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.

Exit mobile version