Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2020-. A última convocatoria do programa Rexurbe, a través do cal a Xunta adquire edificios deteriorados para acometer a súa rehabilitación e destinalos a vivendas, recibiu un total de 14 ofertas por parte de propietarios de edificios localizados no casco histórico de Mondoñedo e interesados en vendelos.
O prazo para poder optar ao programa rematou a finais do pasado mes de agosto polo que, nestes momentos, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) está a analizar todas as ofertas recibidas antes de tomar unha decisión definitiva e notificar cales compra.
Trátase da primeira vez que se realiza en Mondoñedo unha oferta pública destas características, cuxo fin é rehabilitar os inmobles adquiridos para ofrecer vivendas de promoción pública en réxime de alugueiro aos veciños e á vez, poñer en valor os conxuntos históricos de Galicia.
A oferta lanzada pola Xunta este ano está dotada en total de 1,5 millóns de euros –dos cales 300.000 euros están reservados para Mondoñedo, aínda que a contía final podería ser maior- e servirá para dar continuidade ás realizadas nos anos 2018 e 2019, polas cales se adquiriron 37 inmobles nos concellos de Betanzos, Ferrol, Lugo, Ourense, Ribadavia e Tui.
Concellos cunha Área Rexurbe
Precisamente, a Xunta decidiu incluír na última convocatoria deste programa para a adquisición de inmobles aos concellos de Mondoñedo, Ribadavia e A Coruña tendo en conta que foron os tres primeiros municipios galegos nos que se declarou unha Área Rexurbe.
Cómpre lembrar que esta figura está prevista na nova Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia para facilitar a recuperación integral e a mellora das edificacións existentes en determinados ámbitos degradados, co fin de incidir positivamente na situación económica, demográfica e social destas zonas.
Mondoñedo foi o primeira municipio en solicitar e obter a declaración da súa propia Área Rexurbe, na que está incluído todo o conxunto histórico e dúas pequenas zonas contiguas, cunha superficie total de 4,45 quilómetros cadrados.