Nas xuntanzas participaron o xerente da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo, Sergio López; o presidente de ABSA, Abelardo Basanta, e o patrón maior de Burela e presidente da Federación Provincial de Confrarías de Lugo, Basilio Otero. En Celeiro asistiron o patrón maior da confraría, Domingo Rey, e representantes de Porto de Celeiro, entre eles o seu presidente Jesús Novo.
Arias visitou a sede da confraría burelá e as instalacións portuarias de ambos municipios, e fixo referencia ás obras de infraestrutura que está a executar a Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, “para mellorar a operatividade e a seguridade das embarcacións e facilitar o desenvolvemento das actividades pesqueiras, proporcionando unhas instalacións modernas e competitivas”, segundo afirmou.
Ao respecto, o delegado explicou que o investimento nesta materia nos peiraos lucenses no último ano supera os 2,4 millóns de euros. Así mesmo, a través de distintos programas de apoio, a Consellería do Mar achegou 860.000 euros ás organizacións de produtores de Celeiro e Burela, á Federación Provincial de Confrarías e ás confrarías locais de Burela, Celeiro-O Vicedo, San Cibrao e Ribadeo.
Proxectos en marcha
Javier Arias destacou o investimento en Burela, con preto 1,4 millóns de euros destinados aos traballos de ampliación e mellora de abrigo do porto, que están na súa recta final, á remodelación da nave de redes -próxima a adxudicarse-, ás reparacións executadas na nave de redes de Expomar, así como á nova cuberta para os departamentos de armadores da Confraría e outras melloras previstas para os vindeiros meses.
O delegado adiantou que está previsto que comecen a vindeira semana as obras na cuberta da nave de redes de Celeiro e continúan os traballos de construción dos novos aseos na nave de redes do cerco, cun importe conxunto de 71.000 euros. Recentemente tamén rematou a dragaxe do peirao pesqueiro así como na canle de acceso ao porto e no peirao deportivo, cun orzamento de 855.000 euros.
A Consellería desenvolve proxectos de mellora noutros portos da provincia, nos que inviste 86.000 euros, como plans de seguridade e sinalización, as obras en execución en Ribadeo -no espigón norte e no sistema de pesada do peirao comercial- ou a actuación que dará comezo a vindeira semana no Vicedo e que afectará á iluminación e o abastecemento.