Site icon Crónica3.com A Mariña

As confrarías do Cantábrico noroeste celebran a súa sexta interfederativa de forma virtual

 Burela, 30 de outubro, 2020. A sexta edición da “Interfederativa de Confrarías de Pescadores do Cantábrico-Noroeste” celebrouse na mañá do venres 30 de outubro de maneira virtual, a través de videoconferencia.
A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo volve organizar este evento, que, baixo o título ‘Reflexións sobre a pesca artesanal: sostible, rentable e con futuro’, reúne a representantes das Federacións de Confrarías de Guipúzkoa, Bizkaia, Cantabria, Asturias e Lugo, así como a Federación Galega de Confrarías.
O evento serve un ano máis como foro de debate acerca de diferentes temas de interese para a frota de pequena escala. Ademais de valorar o grao de cumprimento das conclusións acadadas tra-lo congreso do ano pasado, nesta edición, evidentemente marcada pola situación actual provocada pola pandemia do Covid19, tratáronse temas como as autorizacións especiais para a pesquería de túnidos; as revalidacións de cursos de suficiencia; o curso de adaptación de Patrón Costeiro Polivalente; as propostas de modificación do RD 277/2016 polo que se regulan as OPPs; o TAC da xarda; a petición de continuación das axudas do almacenamento ano 2021; a revisión da calificación das infraccións aproveitando a modificación da Lei de Pesca; as probas PCR na frota pesqueira; a exclusión das axudas extraordinarias por COVID ás confrarías de pescadores; ou a problemática dos gardas pesca que exercen o labor nos barcos de vixilancia.
Na edición de 2020 participaron representantes da maioría das Federacións de Confrarías do Cantábrico Noroeste: Guipúzkoa (Eugenio Elduayen e Miren Garmendia), Bizkaia (Aurelio Bilbao Barandica), Cantabria (Enrique Paz), Asturias (Adolfo García e Mª José Rico Fernández) e Galicia (José Antonio Pérez Sieira e Marita González); ademais de Lugo (Javier Martínez Otero, Domingo Rey Seijas y Carmen Abad), que exerce como anfitrioa con José Basilio Otero, presidente tamén da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, presidindo a xornada.
Anque este ano se celebrou de forma telemática debido á COVID, o congreso repite a dinámica de anteriores edicións: primeiro a reunión interfederativa, que tivo lugar este venres; e posterior reunión conxunta entre representantes das Confrarías e das Administracións pesqueiras de España e as Comunidades Autónomas do Cantábrico.
Esta segunda parte terá lugar o vindeiro día 11 de novembro, tamén de forma virtual, e nela o sector exporá ás administracións as principais conclusións derivadas da reunión de hoxe.

Exit mobile version