Site icon Crónica3.com A Mariña

Castiñeira acusa ao goberno provincial de actuar con sectarismo cos concellos do PP no reparto do fondo de 3,3 millóns creado en maio pasado, en plena pandemia

 Lugo, a 08 de outubro de 2020. O grupo provincial do Partido Popular non só comparte senón que reclama fondos da Deputación para obras e servizos nos concellos. Pero, á vista do que está a ocorrer co reparto dos 3,3 millóns de euros do fondo creado en maio pasado en plena pandemia por covid-19, os populares denuncian que o reparto deses cartos ten motivacións puramente políticas, partidistas, e non responde aos criterios fixados no seu momento, marcados polo interese social e a creación de emprego. O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, sinala: “Estes últimos días estamos vendo como alcaldes socialistas e nacionalistas veñen desfilando por San Marcos para firmar convenios co goberno bipartito da Deputación de Lugo; comprobamos que se corroboran as acusacións que leva anos facendo o grupo provincial do PP de sectarismo absoluto do goberno provincial con respecto a metade dos veciños da provincia de Lugo que están gobernados polo PP”.

Na mesma liña, Castiñeira di: “A corporación provincial ten 12 deputados do PP e 13 do resto dos grupos, pero esa distribución non se ve reflectida na distribución dos fondos provinciais. Neste caso estamos a falar dun fondo que se financiou co remanente de tesourería, de 3,3 millóns de euros, aló polo mes de maio, cando o Partido Popular acusaba á Deputación de Lugo de chegar tarde en todo o que ten que ver coa crise da covid-19 e de non apoiar suficientemente aos concellos”. Explica: “Daquela vendéronos que ese fondo era para repartir cos concellos e asociacións, especialmente para fines sociais, fomento do emprego e loita contra a covid-19, pero hoxe vemos que o reparto non é igualitario, porque a maior parte destes convenios se están a firmar con gobernos socialistas e nacionalistas, que se están usando criterios políticos e non os criterios cos que foi creado este fondo”.

O portavoz dos populares di que resulta estraño “que nestes convenios se financie con cargo a este fondo a compra de desbrozadoras ou ampliacións de naves municipais e instalacións deportivas, a construción de depósitos contra incendios ou saneamentos e non se utilicen ese cartos para os fines sociais de fomento do emprego e loita contra o covid-19”. Aclara Castiñeira: “Isto non quere dicir que esteamos en contra do financiamento deses equipamentos, pero pedimos que non nos mintan e que se sigan criterios obxectivos para o reparto destes fondos; queremos que estes fondos sexan realmente para toda a provincia e non só para os gobernados polo Partido Socialista e para os fines previstos e non para outros”.

Exit mobile version