Castiñeira sinala: “A sensación que temos no PP, despois de escoitar no pasado pleno o rexeitamento do goberno provincial a asumir a totalidade das obrigas adquiridas por Suplusa, é que pretende cargarse parte do solo industrial proxectado na provincia de Lugo, e con elo liberar carga orzamentaria comprometida dende hai tempo”. O portavoz provincial do PP recorda “que a cargo de Suplusa hai solo comprado, pendente de planeamentos municipais ou de permisos sectoriais”. Explica: “Hai millóns de euros investidos na compra de parcelas, que deben ser transformadas en parques empresariais; os concellos necesitan que a Deputación prosiga co traballo iniciado por Suplusa”. Considera que “sería unha verdadeira traizón que a Deputación non asumira os compromisos firmados no seu día por Suplusa”.
O portavoz popular tamén declara: “Somos conscientes de que o proceso de eliminación da sociedade urbanística provincial que promoveu o bipartito non vai ser sinxelo, e por elo quixemos participar na comisión liquidadora, pero apreciamos desde o principio que ao goberno interésalle ben pouco cumprir co pactado”. Aclara: “Así sucede cos traballadores, cos que aínda non resolveu a súa situación laboral, e así o vemos na falta de compromiso tanto para levar adiante as residencias para maiores que están pactadas e co solo industrial, que nos preocupa moitísimo”.
Castiñeira avisa “ao goberno de que non imos aceptar medias tintas neste proceso; a Deputación debe asumir a totalidade dos compromisos de Suplusa e se non é así terá enfronte ao Partido Popular”.