Site icon Crónica3.com A Mariña

“Dépor”, por Xabier Grandío

Falar do Dépor é facelo da institución galega á que máis lle debo. Por varias razóns, este club forxou algunhas das conviccións da miña infancia, adolescencia e que mantiven no tránsito á idade adulta.

Bebeto e Mauro Silva revolucionaron en 1992 unha equipa que, a tempada anterior, tivera que xogar a promoción para non descender a Segunda División. En poucos meses o club pasou a estar nos primeiros postos da Primeira División, con Arsenio Iglesias como adestrador.

Lembro as miñas bágoas o día que Djukic errou o penalti decisivo que nos fixo perder a Liga 1993-1994. Tamén lembro a miña alegría o día que se gañou a primeira Copa do Rei contra o Valencia o 1995 co gol de Alfredo nun partido que se xogou en dous tempos. Venme á cabeza a radio escoitando como Donato marcaba o primeiro gol contra o Espanyol no partido que nos fixo gañar a Liga 1999-2000 ou como, polo mesmo medio, recibía a información do “Centenariazo” co que gañabamos a segunda Copa do Rei (2002) contra o Real Madrid no Bernabéu.

Hai proxectos nos que o factor persoal é decisivo para marcar a diferenza e isto acontece con certa frecuencia nos clubes de fútbol. O presidente Augusto César Lendoiro colleu un club con recursos limitados e a piques de descender a Segunda División “B” e conseguiu subilo, mantelo en Primeira División durante 20 anos ininterrompidos e gañar todos os títulos que hoxe ten o Dépor no seu palmarés. É certo que o seu modelo de club de república de pequenos accionistas quedou obsoleto co tempo e que hoxe é normal que haxa un gran accionista maioritario que arrisque os seus cartos, pero ninguén pode negarlle a Lendoiro o seu mérito.

Ao Dépor débolle o orgullo de sentirme galego dende os 10 ou 11 anos, moito máis que a outros elementos identitarios. O estereotipo do galego miñaxoia existía no resto do Estado cando eu era neno e os goles de Bebeto, Fran, Djalminha, Pauleta, Turu Flores, Makaay, Pandiani, Diego Tristán, Víctor, as carreiras de Manuel Pablo ou os pases máxicos de Mauro Silva e Valerón contribuíron a que os galegos fósemos respectados fóra do noso país. O Dépor, sen pretendelo, facía país entre os emigrantes e prestixiaba o que hoxe chamariamos a “Marca Galicia”.

Eu empecei a ver o Dépor en directo co meu pai nos anos 90 nos estadios de Sarrià e Montjuïc, aínda que tamén me levou algunha vez a ver o Celta e mais o Compostela cando estaba en primeira. A diferenza da xeración dos meus pais, que tendían a apoiar as equipas galegas case por igual, eu si poido dicir que, no tránsito á adolescencia, me decantei claramente polo Dépor. Iso si, non son anticeltista nin estou, de entrada, contra ningún club galego sempre que non xogue contra a miña equipa.

Hoxe son menos fanático co fútbol e durmo ben se a miña equipa perde. Non esquezo que o Dépor me deu máis a min do que lle teño dado e sempre que vén xogar a Foz ou pola Mariña o vou ver. Son moitos máis os recordos bonitos que os desagradables e o “Real Club Deportivo de La Coruña” sempre terá un lugar no meu corazón.

O estadio de Riazor precisa dunha reforma exterior porque se ve vello. A concentración das accións por parte d´Abanca, pode ser, curiosamente, unha oportunidade para empezar dende a Segunda “B” e construír un proxecto gañador que nos permita volver a aqueles anos máxicos en Primeira División. Masa social na cidade hai dabondo.

Exit mobile version