As II Xornadas de Portas Abertas discorrerán por parte dos 6 itinerarios turísticos propostos que conforman as Rutas de Artesanía da Mariña Lucense e dan comezo hoxe, 9 de outubro, en Burela coas Redeiras Cabo Burela, colectivo que mantén vivo este tradicional oficio, e cunha visita ao Barco Museo Boniteiro Reina del Carmen, antigo barco boniteiro que o Concello recuperou para convertelo nun espazo de recuperación da cultura mariñeira e de atracción turística no porto máis importante de España na pesca e comercialización do bonito. En Burela os encargados de darlles a benvida aos asistentes foron o alcalde, Alfredo Llano, e os concelleiros de Mar e Turismo, Carmela López e Ramiro Fernández.
As Xornadas de Portas Abertas continuarán durante os días 10, 11, 16, 17 e 18 de outubro en Foz, Cervo, Mondoñedo, Riotorto e Viveiro. Mañá, día 10, será o turno de Foz, co artesá e artista plástico Daniel Caxigueiro, a visita á Basílica de San Martiño de Mondoñedo e o seu centro de interpretación e un paseo guiado polo porto pesqueiro de Foz. O domingo 11 a iniciativa chegará a Cervo, coa visita ao asteleiro de carpintería de ribeira de Francisco Fra, con mais de 200 anos de historia, e un paseo histórico guiado pola Península da Paz. O venres 16 seguirán estas xornadas en Mondoñedo coa visita ao barrio artesán por excelencia, o dos Muíños, con visita ao Alfar, ao canteiro Vilariño e unha visita guiada ao centro histórico da cidade. O sábado 17 Mondoñedo pasará o testigo a Riotorto, coa visita á forxa de Jomaca, unha pequena ruta de sendeirismo pola Ruta do Ferro e a visita ao Conxunto Etnográfico Mazo de Ferreiravella. As xornadas rematarán o 18 de outubro, domingo, en Viveiro coa visita a Otero Regal, unha ruta fluvial polo Paseo Alcalde Cerdeiras e unha visita guiada ao casco histórico de Viveiro. Todas as visitas guiadas correrán a cargo de Noela Feal, que é Guía Oficial de Galicia e artesá.
O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, dixo que “agora corresponde estar mentalmente e fisicamente coas traballadoras e traballadores de Alcoa. Mais cando teño a responsabilidade de ser presidente da Mancomunidade, que representa a todos os Concellos da Mariña, dos que a fábrica de aluminio é motor económico e de emprego. Seguimos pelexando, toca presionar máis se cabe para tombar un ERE que presuntamente é fraude de lei”.
Desde a Mancomunidade, a axente de Desenvolvemento Turístico, Tania Hermida, apunta que “neste atípico ano, e previamente a estas xornadas dende a Mancomunidade estívose traballando man a man cos artesáns do territorio coa finalidade de reforzar e mellorar este produto turístico baseado, coma a maioría de proxectos postos en marcha polo ente, no turismo slow, unha filosofía que escapa das présas e reivindica a calma á hora de viaxar e, sobre todo, imbuírse na cultura local. Así mesmo, aproveitouse para mellorar o material informativo deste proxecto, sobre todo e debido aos tempos que corren en formato dixital. A nova Guía das Rutas de Artesanía da Mariña Lucense xa se pode consultar na sección de Rutas de Artesanía da nosa páxina web amarinalucense.gal”.
Hermida lembra que “as Rutas de Artesanía son unha serie de itinerarios turísticos nos que os principais protagonistas son os artesáns da Mariña Lucense, nos que o visitante coñecerá de preto os oficios, os obradoiros e o traballo diario: desde o deseño, as materias primas, a produción ou a comercialización. Xunto a iso, proponse desfrutar doutros recursos culturais e naturais do entorno próximo, ademais da gastronomía, que complementan a visita á perfección, deixando en mans do visitante a adecuación das rutas aos seus horarios e preferencias”. E engade que “as xornadas están tendo boa acollida, agora mesmo queda algunha praza para o día 10, 17 e 18 de outubro. Todos aqueles que queiran coñecer esta experiencia deben inscribirse canto antes”.
Estas Xornadas de Portas Abertas son gratuítas e inclúen a visita a un ou dous obradoiros e actividades complementarias. Para participar é preciso reservar en turismo@amarinalucense.gal ou no teléfono 636.737.608, xa que as prazas son limitadas.
Mais información en amarinalucense.gal