Site icon Crónica3.com A Mariña

“Descubrir a pólvora”, por Carlos Fernández Louzao

Con inmenso orgullo, dámoslle os nosos parabéns ao equipo de arqueoloxía que estivo a traballar no castro de San Tirso. Pero tamén, por decencia e en honor da verdade, vémonos na obriga moral de puntualizar algúns feitos que, por incomprensible ignorancia ou malicioso engano, están a darse por certos sen selo.

É xusto, unha vez máis, recoñecer o ingrato traballo acumulado pola xente que facemos parte do BNG de Xove. Como toda a nosa veciñanza sabe, levamos máis de dez anos loitando por poñer en valor o patrimonio arqueolóxico xovense. Semella que o noso esforzo comezou a dar os seus pequenos froitos, tendo en conta a ocultación de datos que están facendo a mantenta desde o Goberno municipal do PP.

Co obxectivo de ilustrar esta realidade, realizaremos un pequeno repaso de todo canto propuxemos e fixemos en Xove, neste eido, desde o nacionalismo galego:

– Solicitamos de xeito formal a adquisición dos terreos onde se asenta o castro do Coto da Vela, e tivemos que abrirlle os ollos ao executivo local, que descoñecía a consideración deste castro como un dos máis impoñentes de toda a costa noroeste da península ibérica, polo que non tería sentido ocultalo baixo o miradoiro que o alcalde pretendía construír.

– Pedimos por vía formal e informal a recuperación de San Tirso, mediante a consolidación dos muros da igrexa, e fixemos una visita cun arqueólogo da Xunta para asegurarnos de que non había ningún problema legal se existía vontade política.

– Sufragamos cos nosos propios medios económicos unha interesante charla, en colaboración con Mariña Patrimonio e con ese mesmo arqueólogo, para dar a coñecer in situ a maior mámoa de toda a comarca da Mariña e o círculo lítico de Lavandeiras. A este acto acudiu xente desde diferentes localidades do país, e mesmo houbo que cambiar a súa ubicación porque o público non cabía na Aula de Formación do Concello, lugar onde se adoita reunir a asemblea local do BNG de Xove para organizar este tipo de actos que, desde o PP local, non teñen nin a capacidade nin a ansia de imaxinar sequera.

– Convocamos unha conferencia no Centro Social de Vilachá, tamén sufragada cos cartos do grupo municipal nacionalista, para dar a coñecer “O segredo que garda San Tirso de Portocelo”. Lembremos que este acto foi todo un éxito e sucedeu xa no ano 2014. Queda claro que, incluso poñéndolle as cousas en bandexa ao executivo do PP, estes tardaron seis anos en actuar.
Nós, en contra do que estamos afeitos por parte do Goberno local, continuamos traballando polo concello e dando boas ideas, aínda que despois haxa políticos falsarios que nos ninguneen na prensa por comenencia propia. Por esta razón, aí lles vai outra proposta das que non se lles ocorre a eses dirixentes nin cobrando o que cobran:

– Adquisición dos terreos onde se asenta un dos poucos muíños costeiros que hai na costa norte galega, en Coído, para a súa restauración e posta en valor do lugar; podendo aproveitalo tamén como un importante atractivo da ruta costeira.

E agora aínda haberá quen diga que está todo moi ben, claro, pero que a arqueoloxía non é política. Xa! Porque se non fora pola actitude seria e formal do BNG de Xove ao longo de todos estes anos, habían estar excavando esoutros en San Tirso e dando a coñecer o noso municipio na Champions da cultura arqueolóxica. Habían, si… Vaiche boa, Vilaboa.

Carlos Fernández Louzao. Concelleiro BNG Xove

Exit mobile version