Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez cualifica de desprezables e reprobables os actos vandálicos ocorridos nas últimas semanas en Ribadeo e solicita a colaboración cidadá para tratar de esclarecelos

 Ribadeo, 13 de outubro de 2020. O alcalde, Fernando Suárez, cualifica de desprezables e reprobables os últimos actos vandálicos que se produciron na localidade tanto contra o patrimonio público como contra o privado. As forzas de seguridade están a investigar o sucedido para tentar localizar aos autores dos feitos. O rexedor solicita colaboración á veciñanza para que se viron ou saben algo o comuniquen.
Suárez Barcia dixo que “estamos asistindo nestes últimos tempos a ver desgraciadamente unha serie de actos vandálicos, sen xeito, contra o patrimonio público, que é de todos e de todas, ou incluso contra o patrimonio privado, que tamén nos doe a todos como se fora noso”.
O alcalde declarou que “estamos vendo, nestes últimos tempos, dispensadores de xel, que o Concello pon nos parques, rotos e ciscados polo chan. Tamén diferentes pintadas en diferentes muros, en diferentes paredes do patrimonio público, e agora nesta noite anterior varios coches que apareceron con rodas pinchadas”.
O rexedor sinalou: “eu non sei se estes actos están conectados ou se están feitos pola mesma persoa ou persoas. O que si sei é que tan só buscan facer o mal por mal. As forzas de seguridade están investigando os feitos con todo o esforzo, con todo o énfase e con toda a intensidade necesaria, pero se nunca é bo o momento para facer estes actos terribles, o momento social e económico ao que nos enfrontamos todos con esta pandemia, ao que nos estamos enfrontando como sociedade, fai que sexa aínda moito máis reprobable”.
O alcalde pide que “se alguén puido ver algo, que o comunique ás autoridades para poder resolver canto antes estes incidentes desprezables e reprobables”.

Exit mobile version