Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde ribadense subliña que a Xunta ten as portas abertas a participar no arranxo da estrada dos Garitos

 Ribadeo, 30 de outubro de 2020. O alcalde, Fernando Suárez, asegura que a Xunta de Galicia ten as portas abertas a participar no arranxo da estrada dos Garitos. O rexedor subliña que están a tempo de aportar todo o que queiran e acusa ao voceiro popular de vivir nunha realidade paralela e de estar a facer o ridículo coas súas declaracións.
Suárez Barcia declarou que “este portavoz do PP de Ribadeo parece que vive nunha realidade paralela. Non recoñece nin os seus propios actos, nin os propios acordos que o seu grupo votou aquí unanimemente no pleno da Corporación, xunto co PSOE e co BNG, para demandarlle da Xunta, dunha vez por todas, compromiso para que nos axude a amañar este vial de Feve e se descolga dicindo que se non queremos axuda da Xunta e non sei que outras cuestións que provocan ridículo alleo”.
O rexedor engadiu: “eu o que quero dicirlle a el e aos seus compañeiros responsables da administración autonómica é que están a tempo de participar, teñen as portas abertas do Concello para aportar todo canto diñeiro queiran ata a totalidade deste proxecto, que se cifra en 360.000 euros. Non teñen ningún impedimento por parte do alcalde nin do goberno, todo o contrario, de aí todos os acordos e todas as peticións que lles levamos facendo, e que ata agora tiveron un silencio máis que clamoroso”.

Exit mobile version