Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz propon ao pleno unha moción para garantir que continúe en funcionamento a planta de aluminio primario en San Cibrao

 Foz, 28 de outubro, 2020. A crise social e económica derivada da emerxencia sanitaria veu a agravar na Galiza a profunda crise industrial existente que afecta especialmente, pero non de maneira exclusiva,á industria electrointensiva. O Goberno do estado ven asistindo impasible nos últimos anos a distintos capítulos desta desoladora historia, e coa súa falta de interese facilitou o agravamento da crise industrial na Galiza. Sendo un dos seus últimos capítulos o pretendido peche da planta de aluminio de ALCOA en San Cibrao na Mariña lucense. Para evitar a catástrofe económica e social que tería en toda a comarca este anunciado peche, entendemos que o Goberno do estado español debe apostar pola nacionalización desta factoría, que xa no seu día foi pública e que nunca debeu ser privatizada; asegurando así, os postos de traballo e o futuro do principal motor económico na Mariña. Nin o marconormativo galego, nin o do Estado español, nin o da Unión Europea impiden a nacionalización de ALCOA, polo tanto, esta solución so precisa da vontade política das Administracións públicas; solución que permitiría preservar o emprego e salvar o futuro da comarca. A solución proposta non nos debe facer esquecer que a enerxía consumida por este tipo de industrias é un dos factores determinantes para axudar a garantir a súa viabilidade. Por iso o BNG continua a demandar e defender unha Tarifa Eléctrica Galega que abarate este custo enerxético para as nosas empresas e para o conxunto da poboación. O BNG ten proposto en reiteradas ocasións que, nos territorios excedentarios, como é o caso de Galiza, se proceda a actuar sobre a peaxe de transporte, cunha bonificación do 100 %; por ser de xustiza que a electricidade sexa máis barata a beira de onde se produce. Polo exposto con anterioridade, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego no Concello de Foz propón solicitar das autoridades competentes a adopción de medidas que aposten pola intervención pública para a nacionalización da planta de aluminio de formaque se garanta a continuidade da actividade e dos postos de traballo. Asemade propón facilitar polas Administracións galega e estatal a creación dunha Tarifa Eléctrica Galega, dada a condición de país produtor excedentario de enerxía eléctrica, que permita abaratar o custo da electricidade tanto para as empresas como para os particulares. Por último propoñemos que o Goberno do estado e a Xunta de Galiza pulen por un Plan de reindustrialización de Galiza, adaptado a las exixencias do momento e dos retos da transición ecolóxica, garantindo desenvolvemento, xustiza social e benestar.

Exit mobile version