Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG demanda restabelecer a atención presencial nas consultas sanitarias

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2020. O grupo parlamentar do BNG defendeu unha moción para realizar de inmediato as accións precisas para activar as consultas presenciais en Atención Primaria para dar resposta ás demandas derivadas da COVID – 19 e do resto das patoloxías e para rematar coas listas de espera neste nivel asistencial, co persoal e as medidas necesarias para a prevención de contaxios, para garantirlle unha atención sanitaria digna á poboación.

Na iniciativa defendida pola deputada Montse Prado reclamou tamén establecer protocolos “claros e unificados” para a atención presencial de doentes para toda a Atención Primaria, ademais de garantir a atención telefónica sen demoras, co aumento e mellora da rede, dotación do número de profesionais precisos para responden ao aumento exponencial da demanda.

Ademais, demandou clarificar cal é o papel de profesionais de Atención Primaria no sistema de rastrexo, deseñando de inmediato un Plan de rastrexo e detección precoz co persoal necesario dedicado en exclusiva á detección, identificación e seguimento, con equipas formadas e dotadas de protocolos claros para desenvolver este labor. Para configurar estas equipas débese contar coas persoas das listas de contratación do Sergas que estean dispoñíbeis, recolle a proposta do BNG.

A moción inclúe tamén presentar no Parlamento galego un informe no que se recolla a situación dos centros de saúde e a realización, á máxima brevidade, dun Plan de Ordenación de Recursos Humanos, imprescindíbel para identificar as necesidades de profesionais en Atención Primaria e rematar coa precariedade laboral.

Exit mobile version