Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG logra o acordo do Parlamento a favor da intervención de ALCOA como única vía de darlle futuro industrial A Mariña

 Santiago de Compostela, 21 de Outubro 2020.- O BNG logrou o apoio do Parlamento para demandar a intervención pública de ALCOA como única vía de garantir a produción, os postos de traballo e, en definitiva, preservar o futuro industrial da Mariña a través da continuidade dunha planta que é estratéxica para a comarca e para o país.
O deputado mariñán, Daniel Castro, foi o encargado de defender a proposición non de lei nacionalista a favor da intervención da factoría “para evitar que máis de mil traballadores e traballadoras vaian ao paro e se asine acta de defunción da nosa comarca, isto é o que está en xogo”, proclamou, recalcando que “de nada valen as palabras bonitas coa multinacional cando o que se precisa é unha solución que é política”.
Castro reprochoulle a PP e PSOE as súas vacilacións cando se está xogando co futuro da industria galega, e preguntouse porqué non ía ser posible en Galiza unha intervención para salvar a continuidade de ALCOA similar á que fixeron os gobernos de Alemaña, Portugal e Italia para salvar miles de empregos nos seus países. “Déixense de tantos vaivéns e pasen á acción política, basta xa de tanta aldraxe e poñan fin ao sufrimento de toda unha comarca cunha intervención que salve a produción e os postos de traballo”, demandou Castro.
O deputado nacionalista considera que os galegos e ás galegas “merecen” que a institución que os representa “dea un mandato claro de intervención pública”, e que esta se leve a cabo con urxencia porque a comarca da Mariña “non aguanta máis, porque non estamos en tempo engadido, nin na prórroga senón no último penalti e hai que actuar xa. A intervención é posible e viable, só precisa vontade política”, recalcou.
O Bloque tamén logrou o consenso da Cámara para reclamarlle ao Estado que se aprobe o estatuto para a industria electrointensiva que permita ás empresas contar cun prezo da enerxía “estable, predicible e asumible”, ademais de contemplar un abaratamento actuando no transporte da electricidade cunha bonificación do 100%. Por contra, a formación nacionalista topouse co veto de PP e de PSOE a súa reclamación dunha tarifa eléctrica galega incluída na proposición non de lei.
“ALCOA leva demasiado tempo mandando máis que os gobernos, fíxose cunha empresa pública a cambio dunha miseria, aproveitouse da man de obra de Galiza, aproveitouse dos recursos naturais do noso país e que de gobernos febles que antepuxeron o beneficio desta multinacional ao beneficio e á prosperidade do noso país. É o momento de cambiar esta situación para non fallarlle A Mariña”, concluíu Daniel Castro.

Exit mobile version