Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pedirá no Congreso que os orzamentos do Estado inclúan dotación orzamentaria tanto para A-56, como para os treitos pendentes da A-54, entre Lugo e Santiago, e da A-74 da Mariña

 Lugo, 27 de outubro de 2020. O BNG promoveu un acordo do Pleno provincial para solicitar ao goberno do Estado que os orzamentos de 2021 inclúan avances nos tramos lucenses da A-56 (Lugo-Ourense) e a licitación do intercambiador de Guntín, que enlaza esta vía coa A-54 (Lugo-Santiago) .
O BNG fixo fincapé na necesidade de avanzar na construción dunha infraestrutura que, segundo datos da Xunta de Galizia ten 250.000 usuarios directos potenciais e que, tras vinte anos de incumprimentos dos distintos gobernos do Estado, só conta con 9 quilómetros en uso entre A Barrela e San Martiño.
Na exposición da moción, que se presentou como proposta do goberno provincial, o voceiro nacionalista Efrén Castro explicou que “despois das noticias que indican que o Estado avanzará na construción desta vía en treitos da provincia de Ourense, queremos incidir na necesidade de que se inclúa tamén nas contas do vindeiro ano a execución dos tramos da provincia de Lugo, que requiren incluso menos investimento e que son imprescindibles para que a vía cumpra coa súa función de eixo vertebrador do interior do país”.
Efrén Castro engadiu que o BNG pedirá no Congreso dos Deputados que os orzamentos do Estado para 2021 inclúan dotación orzamentaria tanto para A-56, como para os treitos pendentes da A-54, entre Lugo e Santiago, e da A-74 da Mariña.
Neste senso, o voceiro nacionalista afeou a intención de terxiversar o debate por parte do Partido Popular, que propuxo unha emenda de engádega sobre a A-74 en que se incluía, como punto de acordo, “que se siga a planificación orzamentaria establecida polo Partido Popular en anteriores orzamentos”.
“Non podemos compartir esa redacción porque é unha mentira. O que fixo o Partido Popular foi abandonar esta provincia no que ten que ver con estes investimentos”, concluíu Efrén Castro.
A proposta presentada polo goberno provincial aprobouse finalmente por unamidade coa súa redacción orixinal.

e todos somos conscientes da dilatada historia que hai tras da autovía Lugo-Ourense, xa que o inicio do seu proxecto e tramitación vai camiño dos 20 anos a pesar dos diferentes gobernos que se deron no Estado. E debemos, asemade, ser conscientes do que significa para as nosas veciñas e veciños ter que transitar na actualidade pola obsoleta N-540.
Non hai moito nun medio de comunicación podíase ler: “Moita paciencia teñen que ter os condutores que utilizan a N-540 para circular entre Lugo e Ourense. Son 90 minutos cheos de curvas, cambios de limitacións de velocidade, zonas de fochancas, retardacións da marcha polo tránsito de vehículos agrícolas e entradas e saídas desde numerosas estradas”. Dicíase isto falando dunha estrada cuns 250.000 potenciais usuarios directos e unhas 3.500 viaxes diarias en días laborables segundo a Xunta de Galiza. Esta situación está a desviar tránsitos polo corredor Sarria – Monforte e está a dificultar seriamente a competitividade empresarial das provincias de Lugo e Ourense.
A día de hoxe so está construído un tramo desta vía de comunicación que está chamada a ser un auténtico eixo vertebrador do interior do noso país, e do resto de tramos non hai rastro material. Sendo ademais ese tramo o que menos cumpre coa función vertebradora, xa que máis ben é unha nova vía de escape cara a costa.

Nos últimos tempos falouse dende o Ministerio correspondente de priorizar os tramos da provincia de Ourense fronte os da de Lugo. A pesares de ser máis caros, máis complicados e incidir en menor medida nos tempos de desprazamento. Sen embargo pouco se fala do intercambiador que unirá a A-54 coa N-540 e que permitirá aos condutores evitar o paso polas curvas de Guntín, mellorando en seguridade e tempos de desprazamento.

Polo exposto con anterioridade, o Goberno da Deputación de Lugo, logo de someter a debate esta moción, propón a adopción polo Pleno desta Deputación de Lugo dos seguintes acordos:

1. Solicitar ao goberno do estado que se priorice a autovía A-56 nos próximos orzamentos do estado con vistas a acurtar os seus prazos de execución.
2. Solicitar ao goberno do estado que se licite no 2021 a obra do tramo que se corresponde co intercambiador que unirá a A-54 coa N-540.

Exit mobile version