En alusión aos distintos pronunciamentos do Goberno do Estado nas últimas datas, Pontón advertiu que nun tema tan importante e no que está en xogo o futuro de toda unha comarca “non se pode estar xogando aos vaivéns”. A portavoz nacional subliñou que “a única solución real que hai sobre a mesa é a intervención pública” e considerou necesario non demorar más a presentación dun proxecto neste sentido dado que, segundo alertou, a multinacional “ten unha folla de ruta moi clara” e xa comunicou aos seus socios en Estados Unidos os despedimentos e a paralización da produción.
“O que nos preocupa é que vexamos os vaivéns que está dando o goberno do Estado, onde un día pola mañá di que si vai intervir e ao seguinte que non”, cuestionou, polo que destacou a importancia de que o Parlamento galego reclame xa a intervención, que será demandada neste Pleno polo BNG mediante unha proposición non de lei de carácter urxente.