Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo caducou a licenza urbanística dos esqueletos da zona de Galdín

Foto de arquivo

Cervo, 27 de outubro de 2020. O Concello de Cervo avanza nos trámites relativos aos esqueletos erguidos na zona de Galdín.
Así, tal e como informou o rexedor, Alfonso Villares, “xa declaramos a caducidade de licenza urbanística das dúas estruturas que están situadas na Rúa Bellavista, na zona da Galdín en San Ciprián, que lle foran outorgadas no seu momento a Construcciones Os Molineros S.L. e á Inmobiliaria Pasillo Verde S.L, respectivamente, entre os anos 2006 e 2007”.
Unha vez concluído este trámite –engade- queda probado que non existe ningún tipo de actividade nestas edificacións desde hai moito tempo; xa non hai ningún permiso en vigor que ampare as construcións “que están á marxe da legalidade”. O seguinte chanzo do proceso será iniciar o expediente para a reposición da legalidade urbanística.
Villares esgrime que “aínda que o proceso é complexo”; estamos a dar os pasos oportunos, sen demora, para lograr o obxectivo, “traballando para beneficio de todos os cervenses, por motivos de seguridade e tamén de ornato público”.
A licenza urbanística do esqueleto de Pasillo Verde foi concedida no ano 2006-2007, e contemplaba a construción de 15 edificios destinados a vivendas, locais, garaxes e tendedeiras. O prazo de finalización establecido era de 6 anos, que foron incumpridos amplamente, xa que o edificio tiña que estar rematado en 2012.
A licenza urbanística da edificación dos Molineros foi concedida no ano 2006, e amparaba a realización da construción dun edificio de 180 vivendas, garaxes e rochos; nun total de 22.926 m2. O prazo de finalización fixado era de 3 anos, tendo que ter finalizado no 2009, polo que tal e como reflicten os informes pertinentes, incumpríronse amplamente os prazos.

Exit mobile version