Tal e como precisan desde o Concello de Cervo, unha vez máis posicionámonos, como non podía ser doutro xeito, a favor do sector do Mar-Industria que vive intres de absoluta incerteza ante a ameaza de modificación do proxecto de Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, no relativo especialmente aos períodos de concesións no dominio público marítimo-terrestre “que mantén en vilo a todo un sector que ve como os prazos para presentar alegacións ao proxecto de reforma da Lei se prorrogan unha e outra vez, provocando inseguridade e inquedanzas no seo deste sector fundamental no eido económico e social na nosa Comunidade Autónoma”.
É a segunda proposta de Alcaldía que se aproba en pleno en apoio a este sector; xa que o pasado 30 de xaneiro, e tamén a petición de AGADE -cos votos a favor do PP e coa abstención do PSOE e BNG- saíu adiante outra iniciativa contra o Proxecto de reforma do Regulamento de Costas.
En concreto, este xoves, a Corporación municipal de Cervo acordou en pleno –cos votos a favor do PP e BNG, e a abstención do PSOE- instar ao Goberno de España a:
1. Que se modifique a redacción do proxecto de Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, garantindo a seguridade xurídica e a estabilidade a todo o sector da industria litoral, en particular, no relativo aos prazos das concesións no dominio público marítimo-terrestre
2. Que cando se leve a cabo a modificación da normativa de Costas se teña en conta ao sector Mar-Industria alimentario de Galicia e, en particular, o piscícola, pola súa relevancia social e económica para a nosa Comunidade Autónoma.
3. Manifestar o noso apoio institucional á continuidade de actividade e do emprego vinculado ás empresas acuícolas e, en particular, ás iniciativas sustentables que se desenvolven no noso municipio.