Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo iniciará contactos con outras administracións co obxectivo de buscar financiamento para o arranxo da estrada dos Garitos, diante da falta de apoio da Xunta

Ribadeo, 20 de outubro de 2020. O Concello de Ribadeo iniciará contactos con outras administracións para buscar financiamento para as obras de mellora da estrada dos Garitos, que vai paralela á vía de Feve, diante da falta de apoio da Xunta de Galicia. O rexedor lembra que o Concello ten listo o proxecto, que contempla un investimento de 360.000 euros nese vieiro, e tamén as autorizacións pertinentes. Suárez Barcia dixo que “estamos en disposición de poder licitar eses traballos, pero para iso hai que ter os cartos”, e aludiu aos acordos unánimes aprobados en pleno requiríndolle á Xunta a firma dun convenio para o financiamento desa obra, que ata o momento non chegou.
O alcalde ribadense dixo que “agora que imos cara ao final do ano é bo recordar unha circunstancia chamativa coa necesidade que ten o Concello de Ribadeo de amañar un vial que está sendo moi utilizado polo tráfico pesado, que quere saír sobre todo das parroquias do interior, e que sae por este vial paralelo á vía do Feve, e que desde hai moito tempo está nunha situación lamentable, o cal foi desde hai anos foco de controversia nas diferentes Corporacións Municipais, ata o acordo que tivemos todos, en febreiro deste ano, de pedirlle axuda á Xunta de Galicia para amañar este vial”.
Fernando Suárez lembrou que “para iso daquela aprobáramos unha moción, que ademais era do Partido Popular, onde pedían ensanche, pavimentación, construción de beirarrúas, colocación de alumeado, etc…, e entre todos os grupos da Corporación acordamos pedirlle axuda á Xunta de Galicia xa que, a través do voceiro popular local de Ribadeo, dixo que iso era pan comido e que ía haber axuda si ou si. O caso é que aquilo foi en febreiro, todos os grupos votamos que si, en xuño dirixímonos novamente á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para dicirlle que non tíñamos noticias súas e reiterabámoslle a petición, e en xullo tivemos un novo pleno no que acordamos, tamén de maneira unánime, reiterar a petición dado que o tempo pasaba e non poderíamos cumprir os criterios que nos esixía o Partido Popular de Ribadeo se non tíñamos o financiamento axeitado”.
O rexedor explicou que “durante todo ese tempo redactamos un proxecto, que ciframos en 340.000 euros, conseguimos as autorizacións pertinentes, tanto de Feve como unhas cesións que os colindantes debían facer, e polo tanto estamos en disposición de licitar, o que pasa é que para licitar unha obra necesitamos o máis importante que son os cartos, e vexo que o ano se acaba e que na Xunta unha cousa é predicar, como digo moitas veces, e outra cousa é dar trigo, e aquí ninguén chama ao Concello de Ribadeo para dicirnos se nos van dar algo, se non nos van dar nada ou se nos van dar unha migalla”.
O alcalde de Ribadeo engadiu que “en todo caso, a partir de agora imos iniciar contactos con outras administracións para ver se son sensibles cos problemas de Ribadeo, porque entendemos que este é un problema de Ribadeo, en canto ao tráfico de mercancías pesadas nun vial que é moi perigoso polo estado de conservación, porque non poden convivir os peóns que poidan pasar por aí andando cos vehículos de gran tonelaxe, e que é necesario resolver dunha vez por todas. Pero, como xa digo, para resolver temos que ter o financiamento axeitado, ese que a Xunta, despois de varias peticións unánimes de todos os grupos e de aquilo que se dixo e se prometeu que ían dar si ou si, pois de momento non ou non”.

Exit mobile version