Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro fai un chamamento á veciñanza e a comunidade educativa para participar na andaina convocada polo comité de empresa de Alcoa

 Viveiro, 8 de outubro de 2020. O Concello de Viveiro quere realizar un chamamento público á comunidade educativa de Secundaria da Mariña, así como a todos os veciños e veciñas, para a súa participación na andaina convocada polo Comité de Empresa Alcoa San Cibrao, que terá lugar o vindeiro domingo, 11 de outubro, en San Cibrao, dende o cruce do Castelo ata a entrada de acceso á fábrica, de 11:00 a 12:00 horas.

Na planta de Alcoa San Cibrao traballan de forma directa unhas 2.000 persoas, incluíndo o persoal da factoría e o das empresas auxiliares; xera, ademais, miles de postos de traballo de forma indirecta. Unha parte importante do PIB da provincia de Lugo corresponde a esta fábrica e o seu impacto económico na comarca es fundamental.

“Atopámonos nun momento difícil e complexo, no que se está a traballar para atopar as ferramentas necesarias que garantan o futuro da planta, a continuidade da produción de aluminio na comarca e o mantemento dos postos de traballo e no que se require a mobilización de todos e todas”, afirma a alcaldesa, María Loureiro.

O concello considera que o vindeiro domingo a veciñanza debe saír novamente a rúa para defender o futuro de Alcoa, agardando que a resposta sexa masiva e que esta andaina sirva de exemplo do sentir popular, que preocupa e afecta a todos.

Neste sentido, dende o concello remitiuse aos institutos do municipio unha carta, xunto co cartel, animándoos a participar na andaina.

Exit mobile version