Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello, satisfeito coa oferta de 14 edificios deteriorados de Mondoñedo á Xunta, para a súa compra e rehabilitación no marco da Área Rexurbe

 Mondoñedo, 09 de outubro de 2020. A paulatina execución das previsións recollidas no plan de dinamización da Área Rexurbe permite a mellora de edificios e espazos públicos incluídos dentro desta delimitación no casco histórico de Mondoñedo e a súa zona de influencia. A Xunta, por medio do Instituto Galego de Vivenda e Solo, está a punto de dar un paso máis na colaboración para a rehabilitación do recinto histórico mediante a adquisición de edificios. Á última convocatoria do programa Rexurbe, polo que a Xunta adquire edificios deteriorados para acometer a súa rehabilitación, presentáronse, no que atinxe a Mondoñedo, un total de 14 ofertas por parte de propietarios de inmobles localizados no casco histórico mindoniense e interesados en vendelos. O Concello de Mondoñedo acolle con satisfacción a existencia, no número indicado, de donos de edificios que recorran a esta vía para a súa rehabilitación e destaca que, deste xeito, a imaxe de Mondoñedo mellorará aínda máis.
É a primeira vez que se realiza en Mondoñedo unha oferta pública destas características. Nos edificios rehabilitados por esta vía, a Xunta ofrecerá vivenda de promoción pública en réxime de alugueiro, e, ao mesmo tempo, pon en valor o recinto histórico desta cidade. Hai que destacar que Mondoñedo foi o primeiro municipio en solicitar é obter a declaración da súa propia Área Rexurbe, que inclúe o recinto histórico e dúas pequenas zonas contiguas, cunha superficie total de 4,45 quilómetros cadrados. O IGVS analiza agora todas as ofertas recibidas antes de tomar unha decisión definitiva e notificar cales compra. A oferta lanzada pola Xunta, no que se refire a Mondoñedo, está dotada con 300.000 euros.
O Concello de Mondoñedo remitiu á Xunta o Plan de Dinamización da Área Rexurbe na pasada primavera. Foi un paso máis no desenvolvemento do proxecto de cidade que ten o goberno municipal, e forma parte da súa estratexia nos planos urbanístico, económico e social.
Co Plan de Dinamización preténdese seguir avanzando mediante a Área Rexurbe na rexeneración e rehabilitación que Mondoñedo xa iniciou. Para elo fíxanse obxectivos a curto, medio e longo prazo e integra actuacións e medidas propostas considerando aspectos económicos, sociais, culturais, ambientais, empresariais e tecnolóxicos. Trátase polo tanto, non só de rehabilitar e recuperar espazos, senón, como se indica no propio plan, de darlles contido, de ocupalos, de xerar actividade, de facelos atractivos para a iniciativa empresarial e comercial, así como para as novas xeracións que queiran asentarse no municipio. E sempre buscando a colaboración entre o privado e o público. A delimitación da Área Rexurbe inclúe 10 edificios en estado ruinoso, 27 en mal estado e outros 142 en condición deficientes.
As intervención urbanísticas son tres. Por un lado, a ampliación do acceso por Rocha de Vélez e os Castro e un aparcadoiro; o obxectivo é mellorar os servizos e os acceso á parte alta da cidade e ás vivendas desta zona, contribuír á consolidación do Centro San Rafael, a desconxestión do tráfico dentro da área urbana do conxunto histórico e ampliación do número de prazas de aparcadoiro na contorna do centro urbano para facilitar a mobilidade peonil na cidade. O custe estimado é de 499.286 euros.
Doutro lado, a ampliación e mellora do Camiño da Valada (enlace entre Río de Xisto e os xulgados), con dotación dos servizos propios dunha área urbana. Con esta ampliación daríase servizo aos Xulgados de Primeira Instancia de Mondoñedo, á zona da Alcántara, ao centro da cidade e ao aparcadoiro localizado na antiga horta do Convento da Alcántara. O orzamento é de 300.000 euros.Por último, o plan inclúe as obras de rehabilitación da Capela da Orde Terceira na Alcántara. No propio documento se indica que a rehabilitación deste espazo suporá poñer fin ás obras nesa zona, na que se concentran a Escola Municipal de Música, o Auditorio Municipal, o Albergue Municipal de Peregrinos, Os xulgados e o Centro de Interpretación do Camiño Norte. Orzamento: 200.000 euros.
As actuacións previstas inclúen o adecentamento de xardíns interiores, así como un parque infantil cuberto no casco histórico.

Exit mobile version