Site icon Crónica3.com A Mariña

O Congreso aproba, por iniciativa do BNG, a intervención pública de Alcoa

 Madrid, 13 de outubro, 2020. O Congreso aproba, a partir da iniciativa presentada polo Bloque Nacionalista Galego na Comisión de Industria, Comercio e Turismo, unha resolución na que se insta ao Goberno español a adoptar cantas medidas sexan necesarias o máis axiña posíbel, incluída a intervención pública temporal para a súa posterior venda a un investidor privado que garanta un proxecto industrial viábel, para o mantemento da actividade industrial e dos postos de traballo na factoría de Alcoa en San Cibrao.

O acordo foi posíbel por medio dunha transaccional alcanzada tanto co Partido Socialista como co Partido Popular, que contou co apoio doutras forzas da Cámara.

Na súa intervención, o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, destacou que “a negativa da multinacional norteamericana para vender a planta a Liberty House só deixa unha vía para garantir a continuidade da actividade na comarca da Mariña e o mantemento da totalidade dos máis de 1.000 postos de traballo. E esa vía é a intervención pública”.

Rego recalcou que “ao BNG gustaríalle que esa intervención servise para nacionalizar a planta de aluminio, para retornala ao sector público” e lembrou que “ INESPAL foi unha empresa pública que nunca debeu ser privatizada, pero en todo caso sabemos que agora o urxente é buscar unha solución que garanta algo tan elemental como que se poida manter aberta a factoría e preservar a totalidade dos postos de traballo dos que dependen a vida de milleiros de persoas nos Concellos da Mariña.

O deputado nacionalista insistiu en que “o impacto do peche da planta de aluminio sería brutal para A Mariña e é algo que nunca, menos aínda neste momento de crise social e económica, podemos permitir.”

Néstor Rego instou o Goberno español e ao Goberno galego a pórse de acordo para actuar da forma máis inmediata posíbel para garantir que a intervención da planta de aluminio saia adiante para manter os postos de traballo e a actividade industrial na comarca da Mariña.

E finalizou engadindo que “non hai outra alternativa” á crise económica e social que sofre A Mariña e lembrou que “miles de persoas están neste momento pendentes desa solución e desde logo o BNG, como sempre fixo, está ao seu lado”.

Na proposta presentada polo BNG tamén se incluía a posta en marcha dunha Tarifa Eléctrica Galega, ao ser Galiza un país produtor excedentario de enerxía eléctrica, e a aprobación inmediata do Estatuto da Industria Electrointensiva que establecera un marco adecuado para facer que esta industria fose realmente competitiva para saír da crise na que se atopa actualmente.

Exit mobile version