Site icon Crónica3.com A Mariña

José Manuel Balseiro novo presidente da Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia

 Santiago de Compostela, 2 de outubro, 2020. O deputado do Grupo Parlamentario Popular pola provincia de Lugo José Manuel Balseiro preside a Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia tras a súa elección, na sesión celebrada no día de hoxe, no Pazo do Hórreo.

O parlamentario mariñán substitúe nesta función ao seu compañeiro Alberto Pazos, que renunciou a esta responsabilidade.

A Comisión de Pesca e Marisqueo ten carácter lexislativo e permanente e é un dos instrumentos máis importantes do traballo parlamentario, pois debate os proxectos, proposición e asuntos relacionados co ámbito dos profesionais da pesca e do marisqueo, así como as iniciativas lexislativas -tras a súa tramitación en pleno- sobre asuntos relacionados coa Consellería do Mar. Neste órgano tamén se aproban e debaten iniciativas de control (preguntas ao goberno) e impulso á acción do goberno da Xunta (proposición non de lei)

O mariñán José Manuel Balseiro Orol leva cinco lexislaturas representando á veciñanza da provincia no Parlamento galego, desde 2009. No período 2009 a 2016 foi Secretario da Mesa do Parlamento de Galicia e dentro do Grupo Parlamentario Popular responsabilizouse da portavocía do Mar, Montes e Incendios.

Tamén exerce como coordinador comarcal do Partido Popular da Mariña lucense, tras ser elixido co voto directo dos militantes desta bisbarra.

Balseiro foi Delegado Territorial da Xunta na provincia de Lugo, desde novembro do ano 2016 ata xuño de 2020, na pasada lexislatura.

Militante activo do Partido Popular desde o ano 1994 reside na localidade de San Cibrao, no municipio de Cervo (Lugo)

Exit mobile version