Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular pide á Xunta que estude unha fórmula para autorizar a pesca recreativa nos portos galegos

 Burela, 24 de outubro de 2020. O deputado do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro, vén de rexistrar unha proposición non de lei no Parlamento galego na que pide á Xunta que estude unha fórmula para autorizar a pesca recreativa nos portos galegos.

O parlamentario mariñán, acompañado do portavoz do Partido Popular de Burela, Manuel Rouco, achegouse á dársena desta localidade para presentar a un grupo de pescadores afeccionados (que capturan coas súas canas calamar, luriñas ou diversos peixes) esta iniciativa.

Práctica segura, normalizada e regulamentada
Balseiro asegura que é posible manter esta actividade de lecer, deporte e turismo, en condicións de seguridade. “Non debemos esquecer que a pesca recreativa no litoral galego desenvólvese en contornas naturais ao aire libre onde se pode realizar con todas as medidas que a pandemia por coronavirus esixe en relación co distanciamento”.

Ainiciativa do Grupo Popular sinala ademais que debe estudarse unha fórmula para facer compatible a continuidade desta práctica recreativa, coas condicións propias da actividade dos portos, procurando unha solución para que se poda pescar desde as dársenas dunha forma segura, normalizada e regulamentada e sempre que non interfira, sexa compatible, coa actividade ordinaria dos portos.

De feito, no dereito comparado hai comunidades autónomas, como é o caso das Illas Baleares, que delimitaron as zonas portuarias concretas nas que se permite a pesca recreativa para os afeccionados con licenza. Esta autorización está condicionada ao cumprimento doutros requisitos, como pode ser a prohibición do lanzamento do aparello cando poidan causar danos a terceiros, ou que os pescadores non poderán deixar restos da súa actividade sobre o peirao, nin realizar accións molestas para os ocupantes das embarcacións próximas, por citar as máis importantes.

“Estamos a falar polo tanto, de estudar a posibilidade de habilitar espazos nos que os pescadores deportivos provistos da súa licenza e, cos límites e condicións que a pesca recreativa en canto ao número de capturas, especies e tamaños, poidan seguir con esta práctica” –explicou Balseiro.

Exit mobile version