Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Socialista defende a intervención pública temporal de Alcoa para a súa posterior venda a un investidor privado e lamenta a falla de compromiso da Xunta co futuro da planta de San Cibrao

 Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2020. O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, defendeu hoxe no Parlamento a intervención pública temporal de Alcoa para habilitar a súa posterior venda a un investidor privado. Así o dixo no debate dunha iniciativa parlamentaria presentada polo BNG que os socialistas emendaron para instar á Xunta a “traballar conxuntamente co goberno”, que non foi incorporada para substituíla por outra do PP, co beneplácito do BNG, reducindo o papel do goberno galego a “demandar do Goberno Central”.

Os socialistas apoiaron, sen embargo, esta proposta para apoiar “o mantemento da actividade industrial e dos postos de traballo de Alcoa”, que tamén figuraba na proposta socialista na defensa, explicou Seco, “dunha comarca como A Mariña que necesita desta actividade para sobrevivir”.

O portavoz de Industria do Grupo Socialista pediu abandonar “posicións maximalistas” e pór o “foco no importante”. Seco lamentou que “despois de 34 anos de goberno do PP na Xunta non se apostou por facer unha política de promoción e impulso da actividade industrial que deixa a esta comarca sen alternativas”.

O socialista pediu deixar “a campaña electoral e a pancarta para ter unha estratexia conxunta contra o verdadeiro inimigo que é unha compañía como Alcoa, que o único que desexa é deslocalizar a produción de aluminio fóra de España e manter o monopolio para seguir vendendo no noso territorio”. Neste senso, solicitou aos grupos políticos “arrimar o ombro”, xa que “dos representantes políticos se agarda máis que unha camiseta e un berrar ‘cubas si, yankis fóra’”

Seco pediu “non pór o carro antes que os bois” e lamentou que “ultimamente” se fala de “nacionalizacións como solución a todos os problemas”, pero lamentou a falla responsabilidade do goberno galego. O socialista dixo que “se espera máis da política e dos políticos que mensaxes populistas” ou “solucións máxicas”.

Por outra parte, instou á consellería de Industria a tomar as “accións pertinentes” ante os “graves incumprimentos laborais” da empresa, e a facer “o seu traballo en materia laboral para facilitar que se paralice o ERE”. Ademais, solicitou ao goberno galego que tome medidas para reclamar “os incumprimentos medioambientais desenrolados por Alcoa nos últimos anos”.

Finalmente, o responsable socialista reclamou “unidade de acción” para que “os traballadores saiban” que teñen todos os partidos políticos “preocupados e traballando a reo por unha solución”. Seco destaca que é preciso pór “o chantaxe contra as cordas” de “unha empresa irresponsable” que “quere facer negocio a costa da vida dos nosos cidadáns”.

Alu Ibérica

Con respecto a Alu Ibérica, Seco urxiu ao PP a tomar medidas con respecto á situación da factoría para que “non fagan como no caso da factoría de San Cibrao, agardando ata o final” para “ver como se destrúe unha actividade industrial ou simplemente botándolle a culpa a outros mentres agochan as súas competencias en materia industrial”. Neste senso, o socialista solicitou ao goberno galego a “formar parte das solucións”.

Exit mobile version