Castiñeira di: “É totalmente inaceptable o que volvemos ver no pazo de San Marcos. Parece que o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, veu a Lugo a dar instrucións e seguir dando ánimo ao señor Tomé para que persevere no que vén facendo dende a súa investidura: facer oposición ao goberno de Galicia, á Xunta, dende as institucións, sinaladamente dende a Deputación de Lugo”.
Os populares acusan aos socialistas de facer “un uso político vergoñento das institucións” e instan “ao presidente Tomé, e ao goberno da Deputación en xeral, a que deixen de usar politicamente as institucións para fines única e exclusivamente partidistas e que se dediquen a xestionar ben os recursos de todos os lucenses e non a facer todo o contrario”.
Castiñeira manifesta: “Se o presidente Tomé quere falar da provincia co presidente da Xunta de Galicia, o que debe facer é chamar ao señor Feijóo, desprazarse a Santiago ou invitalo a que visite a provincia de Lugo, e falar do que de verdade é importante para Lugo. O que non pode facer é chamar a terceira forza do Parlamento de Galicia, que é o Partido Socialista, para dicirlle cales son as necesidades da provincia de Lugo; resultaría absolutamente cómico senón fora porque é unha falta de respecto a todos os lucenses e a todos os galegos. Esta falta de de transparencia política vén demostrar por que o Partido Socialista é a terceira forza no Parlamento de Galicia e a segunda forza na Deputación de Lugo”.