Castiñeira explica o porque da súa proposta: “Entendemos que esta persoa é a adecuada por varios motivos: por un lado, porque leva unha delegación menor (Recursos Sostibles), que é moi pouca delegación para alguén xove que podería dedicarse moito máis á Deputación de Lugo. Por outro lado, porque a día de hoxe esa delegación está absolutamente abandonada polo propio presidente da Deputación, que prefire atender, como é lóxico, á presidencia da Deputación e tamén á alcaldía de Monforte, a costa de abandonar a rede viaria máis extensa das provincias de España; isto último non o dicimos nós, senón o propio presidente Tomé”.
O portavoz popular destaca: “Para unha rede viaria tan extensa necesítase un delegado ao 100%. Cremos que este alcalde, xove e que está nunha delegación provincial menor, podería facer un traballo moitísimo mellor que o señor Tomé. Poderíase dedicar a coñecer o estado das estradas e a velar polo seu mantemento. Pero, por riba de todo, podería escoitar a todos aqueles alcaldes que están pedindo melloras en estradas provinciais que pasan polos seus concellos, que vertebran a provincia e que a día de hoxe non están ben atendidas. Por todo iso, esta é a nosa proposta”.
Castiñeira fai un chamamento a José Tomé: “O presidente da Deputación é un veterano e sabe que é de sabios rectificar a tempo e neste caso é unha rectificación necesaria; a persoa adecuada para esa delegación é, dentro do equipo do presidente na Deputación, o alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico”.