Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP veta unha proposta socialista para reparar 5 kms da estrada autonómica entre A Pontenova e A Fonsagrada

 Santiago de Compostela, 08 de outubro de 2020. A parlamentaria socialista Patricia Otero lamentou hoxe o voto en contra do PP a unha proposta socialista para pedirlle á Xunta que reparara os 5 quilómetros da estrada LU 741 entre A Fonsagrada e A Pontenova que transcorren por este último Concello. A responsable socialista acusou ao goberno galego de “castigar constantemente” aos 6.400 veciños e veciñas dos dous concellos sen infraestruturas acaídas, que se unen ao déficit de atención sanitaria.

A responsable socialista advertiu que “son só 5 quilómetros de firme” que se atopa nun “estado lamentable” para a seguridade viaria e que prexudican á actividade empresarial do lugar, e que “non suporía unha suma económica moi importante”. Apelou á “falla de vontade política” do PP e do goberno galego para apoiar ao Concello, e subliñou que “non queremos pensar que sexa porque na Pontenova leva moito tempo sen gobernar o PP”.

Otero preguntou “como imos crer que van arranxar o tramo da estrada cando votan en contra da nosa iniciativa e ademais teñen outros compromisos publicados no DOG dende hai 9 anos e que non saíron adiante, permitirannos que poñamos en dúbida a súa publicidade”, remachou. Aludiu así ao arranxo da estrada Momán – Cabreiros, tamén de titularidade autonómica e cun proxecto de reparación publicado no DOG dende 2011 que aínda non se executou.

Lembrou que a Deputación de Lugo “si que cumpriu cos seus compromisos e as súas obrigas rematando o acondicionamento da estrada provincial LUP – 1904 entre A Pontenova e A Fonsagrada, que enlaza coa estrada de titularidade autonómica, coa mellora do asfaltado, ampliación e limpeza das cunetas e a renovación da sinalización.

Sanidade

A parlamentaria luguesa acusou ao goberno galego de “perpetrar unha clara ofensa a este núcleo rural” desatendendo as infraestruturas a unha poboación xa castigada pola falla de recursos sanitarios do goberno galego.

Lembrou que o goberno galego deixa sen cubrir as baixas e vacacións do persoal médico no Centro de Saúde de A Pontenova, que estivo semanas no verán cun só facultativo para 2.300 habitantes dunha poboación envellecida e que estivo ademais confinada pola covid.

Exit mobile version