Tomé Roca salientou que “un oitavo centenario é unha ocasión inmellorable par falar da historia dun municipio. As terras de Alfoz contan con testemuña de poboación en tempos prehistóricos, con restos megalíticos e, por suposto, con abundantes pegadas da cultura castrexa, como o propio Castro de Ouro”. Na súa intervención, felicitou ao Concello por organizar estas xornadas que tentan achegar á veciñanza a historia e a cultura que atesoura a súa localidade, pois “a historia é sen dúbida unha gran mestra, a que nos ensina cousas que ás veces temos esquecidas, ás que non lles damos o suficiente valor”.
O mandatario provincial quixo facer un pequeno repaso por algúns dos fitos máis relevantes que marcaron a historia deste concello mariñán, sen esquecer a importante pegada que o Mariscal Pardo de Cela deixou dende o seu axustizamento en Castro de Ouro ou a importancia da puxante industria téxtil do século XVIII. “Penso que temos que reivindicar estes episodios de progreso e de liderado históricos para poñer en valor o pasado, pero tamén para afianzar o impulso do futuro deste concello e desta comarca”.
Estas xornadas desenvolvéronse ao longo do venres e sábado, coa presenza de historiadores e expertos en cada unha das materias. As conferencias foron gravadas polo Servizo de Audiovisuais da Deputación para posteriormente poder visualizarse en Internet, tendo en conta que o aforo para participar estivo limitado polas medidas de prevención do coronavirus Covid-19. O evento tamén incluíu unha visita guiada ao patrimonio arqueolóxico, histórico e artístico do concello.
Apoio da Deputación
Ademais, neste encontro con veciños e veciñas de Alfoz, Tomé Roca mandoulle mensaxes de apoio e de ánimo, tendo en conta que “estamos vivindo momentos moi complexo e difíciles, pola crise provocada pola pandemia do coronavirus, pero tamén pola ameaza de peche da planta de Alcoa, un motor económico e laboral, tanto para A Mariña como para toda a provincia”. O Presidente trasladoulles o firme compromiso da Deputación cos traballadores da factoría e das empresas auxiliares e afirmou que agarda que se chegue a unha solución viable para a comarca e que garanta a viabilidade da planta.