Lorenzana afirmou que a prioridade da Xunta de Galicia é continuar loitando con contundencia contra a violencia de xénero e destacou a importancia de seguir facendo políticas encamiñadas a reorientar a tendencia da fenda salarial acadando, deste xeito, a igualdade de xénero no eido laboral. Pola súa banda, López Abella agradeceu a confianza depositada nela para continuar combatendo a violencia de xénero, unha lacra para a sociedade. Sinalou que a Xunta continuará dando apoio directo ás vítimas e seguirá loitando para erradicar a violencia de xénero, unha tarefa que apuntou que só se conseguirá se hai un compromiso de todos os ámbitos.
López Abella ocupou o cargo de secretaria xeral da Igualdade entre outubro de 2011 ata o pasado mes de xuño. Así, conta con ampla experiencia en materia de igualdade ao ter estado á fronte desta secretaría nos últimos nove anos. Nacida en Chantada (Lugo), López Abella realizou estudios de Ciencias Empresariais na Facultade de Empresariais de Vigo e é colexiada en xornalismo polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Foi secretaría xeral de Familia e Benestar entre abril de 2009 ata outubro de 2011 e foi, ademais, deputada no Parlamento de Galicia, onde traballou nas áreas de muller, política social, igualdade e traballo, entre outras.