Site icon Crónica3.com A Mariña

29 casos de Covid no municipio, o Alcalde de Foz pide aos veciños que sexan moi precavidos e responsables para evitar novas restricións

 Foz, 27 de novembro de 2020. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, pide aos veciños e veciñas que sexan moi precavidos e responsables para evitar novos contaxios que poderían ocasionar máis restricións porque hai 29 casos de Covid-19 no municipio.
“Hoxe afortunadamente podemos dar unha boa noticia: Foz non ten restricións adicionais, co cal os establecementos, tamén a hostalería, poden seguir abertos nas condicións que o viñan facendo, exercendo os distintos profesionais e autónomos o seu traballo, o que é fundamental nun contexto que estamos de crise sanitaria, pero tamén económica, na que todos estamos a sufrir as consecuencias do Covid-19. Pero isto danos un toque de atención porque con 29 casos Foz está en risco, está na corda frouxa, e o que temos que facer é ser máis precavidos que nunca, gardar sempre todas as distancias, evitar calquera situación de risco, non facer ningún tipo de festa particular e ser moi responsables. Así evitaremos esas perdas económicas que poden sufrir as nosas veciñas e veciños se hai novas restricións. Así que non se pode baixar a garda en ningún momento”, explicou o rexedor municipal.
Fran Cajoto engadiu: “segundo nos informaron, os casos que temos positivos son basicamente en grupos familiares ben delimitados, pero isto non implica que co número de positivos que teñamos a Xunta non decida aplicar outras disposicións adicionais en vindeiros días ou en próximas semanas. Entón pido precaución, respecto absoluto ás normas e seguir traballando todos xuntos para que saiamos o máis rápido posible desta situación”.

Exit mobile version