Site icon Crónica3.com A Mariña

“A administración e a creación de riqueza”, por Xabier Grandío

Nos últimos anos falouse, e moito, da necesidade dunha administración amigable cos negocios (business-friendly). O problema, como en tantas outras cousas, é que ese concepto é facilmente manipulable segundo os intereses de cada quen.

Convén sinalar que unha administración que facilita a creación de riqueza, en primeiro lugar, non é aquela que abdica das súas responsabilidades. A fiscalidade non debe ser confiscatoria, pero é evidente que é necesaria para financiar os servizos públicos e que hai unhas regras que cumprir.

A recuperación económica derivada da pandemia do Covid-19 esixirá que os gobernos faciliten, e non obstrúan, a creación de riqueza. Que é, entón, unha administración amigable coa apertura de negocios? Estes puntos serven como guía:

1. Previsibilidade: as empresas foxen da incerteza e, polo tanto, esperan que as administracións non dean bandazos nas súas políticas económicas. É posible manter unha determinada presión fiscal, pero sempre que sexa continuada no tempo e que non experimente grandes mudanzas dun ano a outro.

2. Axilidade nos trámites: un problema das empresas e, sobre todo, dos autónomos, é o tempo que se perde para facer xestións con distintas administracións. A xanela única da Xunta de Galicia para trámites mercantís, de Facenda e Seguridade Social facilitaría moito o traballo cotián. A vantaxe de implementar esta medida é que non require de mudanzas constitucionais, polo que é factible.

3. Rapidez: o Estado Español é un dos territorios da Unión Europea no que máis se tarda en crear unha empresa, unha media de 12,5 días segundo o Banco Mundial (2018), fronte aos 3,5 de Dinamarca ou os 8 de Alemaña. Se tomamos como referencia o país máis rápido do mundo, en Nova Zelandia só se tarda medio día en dar de alta un negocio. Por outra banda, tamén hai que reformar a Lei de Procedemento Administrativo Común para acurtar os prazos de resposta.

4. Transparencia: a corrupción é un dos grandes inimigos da creación de novas empresas. Polo tanto, unha administración amigable cos negocios é aquela que ofrece garantías dun trato xusto aos cidadáns e na que a separación de poderes realmente funciona.

A conclusión é que aqueles países que actúan dun xeito responsable, áxil, rápido e transparente teñen máis posibilidades de atraer riqueza. Galicia pode e debe avanzar en autogoberno para favorecer a instalación de empresas e non perder capital humano a través da emigración.

Exit mobile version