Site icon Crónica3.com A Mariña

A Asociación de veciños O Vencello, ACIA Burela e a Asociación Cultural Burela Floral animan aos veciños de Burela a participar na iniciativa “Ilumina Burela polo Nadal”

 Burela, 30 de Novembro de 2020. A Asociación de veciños O Vencello, ACIA Burela e a Asociación Cultural Burela Floral animan aos veciños de Burela a participar na iniciativa “Ilumina Burela polo Nadal” que pretende impulsar na nosa vila a ilusión e a esperanza destas datas mediante o engalanado de balcóns, fachadas, fiestras, portais, etc… con motivos do Nadal neste ano marcado polas restricións derivadas da Covid-19.

Ao tempo de dar cor e ledicia nas rúas do noso pobo, esta iniciativa pretende ser tamén unha mostra de apoio de todos os veciños e veciñas de Burela ao noso comercio local e hostalería nestes momentos nos que están a verse especialmente castigados por mor da pandemia.

Nestes duros momentos que estamos a vivir temos que brindar unha mensaxe de ilusión e esperanza. Todos e todas temos unha obriga persoal e social co noso pobo.

Si por algo se ten caracterizado sempre Burela é precisamente polo seu carácter solidario. Por iso, estamos convencidos de que a nosa proposta será ben recibida polos veciños e agardamos que nos vindeiros días a nosa vila mude a súa faciana con cores e motivos de Nadal que nos axuden a todos a pasar estas datas máis alegres, felices e dun xeito máis solidario.

Exit mobile version