Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación anuncia que analizará coa asesoría xurídica a posibilidade de emprender unha demanda ante os tribunais de xustiza polas “inxurias e mentiras” realizadas polo sindicato de auxiliares de enfermería sobre o Centro de Atención a Maiores de Trabada

 Lugo, 20 de novembro de 2020

COMUNICADO DA DEPUTACIÓN DE LUGO

Ante a total falsidade e a extrema gravidade das acusacións difundidas este venres polo sindicato de auxiliares de enfermería (sae) sobre o centro de atención a maiores provincial de trabada, a deputación de lugo anuncia que analizará coa asesoría xurídica a posibilidade de emprender unha demanda ante os tribunais de xustiza polas inxurias e mentiras realizadas por este colectivo, nun momento, ademais, como o que estamos a vivir, cando hai vidas de persoas en xogo e a preocupación de moitas familias.
Ao mesmo tempo, a Deputación de Lugo DESMONTA TODAS E CADA UNHA DAS FALSIDADES manifestadas por este sindicato:
– OS MODELOS DE XESTIÓN DA RESIDENCIA DE MAIORES DE CERVO E DO CENTRO DE ATENCIÓN A MAIORES DE TRABADA SON COMPLETAMENTE DISTINTOS. Nada ten que ver o modelo concesional da residencia de Cervo co modelo de xestión pública e de proximidade que temos implantado no Centro de Atención a Maiores da Deputación en Trabada, pero tamén no de Ribadeo, Pol e A Fonsagrada. Polo tanto, no primeiro caso, a xestión integral corresponde unicamente a Mensajeros de la Paz, mentres que no noso caso, a xestión corresponde directamente á Deputación de Lugo, contando para determinadas prestacións cun contrato administrativo de servizos, no caso de Trabada, coa citada entidade.
– O Centro de Atención a Maiores de Trabada, NON SÓ CUMPRE EN TODO MOMENTO COAS RATIOS DE PERSOAL MARCADAS POLA XUNTA, SENÓN QUE ESTÁ SEMPRE MOI POR ENRIBA DAS OBRIGAS LEGAIS ESTABLECIDAS, a pesar das dificultades en materia de xestión do persoal derivadas da Covid-19. Polo tanto, as persoas usuarias nunca estiveron desatendidas ou cun “déficit na atención”, afirmacións que a Deputación considera de extrema gravidade, e que as familias e a rede de apoio dos maiores que viven nos centros da institución provincial poden comprobar que son falsas nas visitas programadas ou mediante as videochamadas, froito da política de total transparencia que aplica a institución. Así mesmo, a Deputación valora a percepción da atención que os propios residentes manifestan de estar “como na casa”, xa que, non só se lles dá atencións nas actividades básicas da vida diaria, senón que os profesionais que traballan no centro trasládanlles diariamente o seu afecto e agarimo.
– OS CAMBIOS DE QUENDAS DO PERSOAL PRODÚCENSE, DE MANEIRA PUNTUAL, POLAS NECESIDADES MARCADAS POLA COVID DENDE O INICIO DA PANDEMIA. Co fin de minimizar o risco de contaxio e conter a propagación da COVID, a Deputación aplica dende o pasado mes de marzo rigorosos protocolos de prevención, en función dos que, calquera persoa traballadora, no caso de ter a mínima sospeita de ter estado en contacto cun positivo ou de poder ser positivo, ten terminantemente prohibida a entrada ao centro de traballo. Esta situación supón que, de maneira puntual, e con moi pouco tempo de antelación, sexa necesario tomar decisións que implican alteracións do cadro de persoal, incluso no mesmo día, sendo necesario solicitar a substitución dunha persoa por outra con carácter inmediato, co obxectivo de quen en ningún momento o centro quede desatendido, ou cun número de persoal insuficiente para garantir a calidade prestacional que esixe a Deputación para as persoas maiores usuarias dos seus centros. Así mesmo, é totalmente imprescindible e obrigatorio que calquera traballador ou traballadora que inicia a súa prestación nun centro residencial da Deputación ou que se incorpore de descansos prolongados o faga cunha proba PCR negativa, practicada polas autoridades sanitarias. Debido á presión sanitaria que está a sufrir a comarca da Mariña, nalgunhas ocasións ocorre que o persoal non pode acceder ao seu posto de traballo por non ter os resultados ou a proba feita, algo que dende logo non depende da Deputación.
– En relación coas retribucións do persoal de Mensajeros de la Paz, A DEPUTACIÓN DE LUGO NUNCA PUIDO CONSTATAR, NOS DIFERENTES CONTROIS QUE VÉN REALIZANDO, QUE NON SE CUMPRIRA CO ESTABLECIDO NO CONVENIO COLECTIVO DE APLICACIÓN. En todo caso, de haber algunha discrepancia, a entidade sempre acreditou o seu compromiso no cumprimento do establecido en materia laboral.
– En materia preventiva e sobre as acusacións de poñer en perigo aos traballadores e traballadoras fronte á COVID, cabe sinalar que, DENDE FINAIS DO MES DE FEBREIRO, O CAM DE TRABADA PUXO A DISPOSICIÓN DE TODO O PERSOAL OS EPIS ESTABLECIDOS NOS PROTOCOLOS DE PREVENCIÓN E CONTENCIÓN CONTRA O CORONAVIRUS. En ningún momento ou circunstancia faltou a ningunha persoa ningún EPI. É máis, O CENTRO ESTÁ EQUIPADO CON MÁIS EPIS DOS ESIXIDOS PARA FACER FRONTE A UN BROTE, e o persoal de atención directa traballa con máscaras FPP2 máis cirúrxica (dobre protección), sendo renovadas, coma mínimo, en cada queda, o que se pode comprobar no Plan de Continxencia do CAM, que está e estivo en todo momento a disposición das autoridades sanitarias.
Nesta liña de máxima prevención, o pasado mércores 4 de novembro, logo de ter coñecemento dun caso positivo por Covid-19 dunha persoa traballadora de Mensajeros de la Paz no Centro de Atención a Maiores de Trabada, a Deputación de Lugo actuou coa máxima transparencia e rapidez, facendo, en menos de 12 horas, un cribado masivo de todas a comunidade do CAM, tamén, por suposto, ao persoal de Mensajeros de la Paz, asumindo o custe das probas a entidade provincial. Os resultados foron todos negativos e o CAM de Trabada segue a día hoxe libre da COVID.
Polo tanto, en materia preventiva, queda demostrado que OS PROTOCOLOS DE SEGURIDADE QUE A DEPUTACIÓN APLICA NOS CENTROS DE MAIORES DA SÚA TITULARIDADE, xa dende antes da declaración do primeiro estado de alarma, en moitas ocasións con medidas por riba das establecidas polas autoridades sanitarias, ESTÁN DANDO BO RESULTADO E PROTEXEN, TANTO AOS RESIDENTES COMO ÁS PERSOAS TRABALLADORAS, tendo en conta, ademais, que a orixe do único caso de contaxio no CAM de Trabada e en toda a rede pública de centros de maiores da Deputación está localizada fóra do centro, en concreto, na residencia de San Cibrao.

Exit mobile version