Site icon Crónica3.com A Mariña

A hostalería convoca unha mobilización veciñal en protesta polo peche de Burela

Burela, 27 de novembro, 2020. Desde o colectivo de hostaleiros de Burela, que representa a unhas 25 empresas diferentes do sector a nivel local, fan un chamamento a tódolos colectivos, asociacións e veciños de Burela para participar nunha concentración o vindeiro domingo ás 12:00h na Praza do Concello, como protesta polo peche que Burela sufre desde hai tres semanas.
O sector considera que nin o peche dos seus locais nin o pechamento perimetral de Burela son a solución á crise sanitaria, senón máis ben unha ruína para todo o pobo, que se ve enteiramente afectado por esta situación, poñendo en risco o futuro de moitas empresas e de centos e centos de postos de traballo.
O enorme movemento de persoas que por motivos xustificados entran e saen de Burela todos os días demostra que o peche perimetral non é útil no caso concreto deste concello, onde os grandes perxudicados son os propios veciños, a hostalería e o comercio.
Ademais opinan que o trato que está a recibir Burela, único concello da Mariña que desde hoxe permanece pechado, é totalmente desproporcionado en comparación con outros concellos da provincia, criticando unha forma de contabilizar os contaxios nada equitativa.
Por todo isto, a hostalería pide “agora máis que nunca” unha demostración da unión entre comerciantes, distribuidores, panadeiros, carniceiros, pescadeiros, asociacións, familias, veciños… para que este sinalamento inxustificado non pase desapercibido.
Na concentración deste domingo esixirase o uso correcto de mascarilla e manterase a distancia de seguridade obrigatoria entre persoas, sendo conscientes de que a saúde segue sendo o primeiro na situación actual.

Exit mobile version