Inacción da Xunta e do Estado diante da saturación dos xulgados
Tal como expuxo Daniel Castro na súa intervención, os xulgados de Viveiro están entre os mais saturados de Galiza e ata o propio Ministerio de Xustiza recoñece nun informe que superan o 200% de carga de traballo provocando atrasos continuados, co conseguinte prexuízo non só para as traballadoras e traballadores dos mesmos senón tamén para toda a poboación do occidente mariñao, para os mais de 45.000 veciños e veciñas de Ourol, O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela e Foz. Referiuse tamén á total inacción neste tema tanto da Consellería de Presidencia e Xustiza como do Ministerio de Xustiza e o Consello Xeral do Poder Xudicial.
A creación do terceiro xulgado en Viveiro está mais que xustificada
Así se expresou o deputado nacionalista, que se referiu ao enorme volume de asuntos, dato que se pode constatar nas estatísticas do Consello Xeral do Poder Xudicial para Viveiro, que incide na superación das ratios marcadas polo propio CXPX. A creación dun terceiro xulgado sería pois o mais eficiente para descargar o traballo do Xulgado nº 1(que xestiona o rexistro civil) e o Xulgado nº 2 (con competencias a maiores en violencia de xénero).