Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta promove o uso da madeira galega como elemento estrutural en 17 vivendas e locais comerciais da provincia

 Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2020. A Xunta apoia un total de 24 iniciativas na provincia de Lugo para o desenvolvemento de obras, produtos, e proxectos realizados con madeira, unha nova orde de axudas pioneira en Galicia e que se enmarca no Plan de reactivación económica.

En total, o Goberno galego, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, inviste na provincia de Lugo preto de 215.000 euros nesta iniciativa. Entre outras medidas, favorecerase o uso da madeira local en 17 edificacións. En concreto, servirá como elemento estrutural en 15 vivendas e dous locais comerciais, o que permitirá mobilizar máis de 1,7M€ durante a súa execución. Deste xeito, benefíciase non só aos promotores e empresas que impulsan os proxectos, senón tamén aos profesionais
–arquitectos, enxeñeiros e deseñadores ou empresas de carpintería– que os desenvolvan.

Este programa da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) conta con catro liñas de axudas. Por unha parte, para a redacción de proxectos de execución de construción nova, rehabilitación de naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais. Esta liña atenderá as dúas solicitudes xa sinaladas. Por outra parte, haberá outros dous apoios a proxectos para o desenvolvemento e fabricación de envases, embalaxes ou expositores realizados con madeira. Unha terceira liña permitirá a redacción dos 15 proxectos de execución de novas vivendas unifamiliares ou rehabilitación e reconstrución. Por último, favorecerase a realización de cinco obras de reforma ou acondicionamento de locais comerciais ou de negocio con produtos en madeira.

As axudas enmárcanse no Plan de reactivación económica e, en concreto, no obxectivo de impulsar a transformación da economía e a industria da Comunidade, potenciando a Galicia verde e rural. Ademais están en liña coa Axenda da industria forestal 2019-2021 que pretende que os produtos forestais actúen como elemento central para fomentar a bioeconomía, utilizando a madeira como elemento de orixe natural, reciclable e reutilizable.

Deste xeito, este programa de apoios servirá para fomentar a demanda de produtos de madeira, tendo en conta a utilización de elementos locais e tamén a protección medioambiental, favorecendo así a neutralidade climática.

Galicia trata de converterse nun referente no uso da madeira no sector da construción. Precisamente, co obxectivo de fomentar a transformación industrial e unha economía máis verde, tal e como recolle a propia Unión Europea nos seus fondos europeos de reconstrución Next Generation, entre as 108 primeiras solicitudes presentadas pola Xunta de Galicia a este programa europeo de axudas está a construción de vivendas con madeira.

Exit mobile version