Site icon Crónica3.com A Mariña

Aprobada a emenda substitutiva do BNG para o pavillón no CEIP de Covas

 Viveiro, 17 de novembro, 2020. O 16 de outubro é a data de rexistro desta moción por parte do PSOE de Viveiro e tamén o día no que se publica en prensa.

Non é até o 29 de outubro cando o concelleiro polo PSOE responsábel da área de educación, Emilio Villarmea, visita o centro para comentarlles a súa moción sen nen sequera facerlles entrega ao equipo directivo do texto da mesma.

Por parte do Concello de Viveiro non se entrega o texto da moción ao colexio afectado até o día antes do pleno, é dicir, o día 2 de novembro e a última hora da mañá, con apenas 24h de anterioridade respecto ao pleno.

Na visita que fixo o señor concelleiro, o equipo directivo do colexio trasládalle claramente que a opción de cubrir a pista ou construír un pavillón sobre a actual pista, que é xustamente o que se recolle nos acordos da moción, non é para eles unha opción e nin a contemplan, tanto é así, que cando esta mesma proposta foi feita hai xa dous anos por parte da oficina técnica do Concello de Viveiro ao equipo directivo do colexio, a resposta tamén foi a mesma: NON.

A conclusión á que se chega é que o goberno do PSOE non ten en conta ao profesorado do centro para unha decisión tan importante, de feito incluso decide continuar con este acordo pese a que o centro se manifestara claramente en contra. Preguntámonos cal é o motivo de insistir tanto nesta solución? Ao mellor é porque nada fixeron en todos os anos que levan no goberno e esta solución preséntase fácil para poñerse unha medalla.

Non se contou co centro e tanto é así, que a contrarreloxo pola falta de comunicación por parte do goberno do PSOE, nunha época tan complexa para os centros e con mil responsabilidades que desenvolver, o profesorado do centro celebrou o mesmo día que recibiu a moción un claustro extraordinario para tratar este tema, dando entrada no rexistro na mañá do día seguinte, un escrito no que manifestan a súa oposición a cubrir a pista ou a construír calquera elemento no centro do patio, aportando ademais outras posibles ubicacións para o pavillón.

Dende o BNG de Viveiro apoiamos o Claustro do CEIP Plurilingüe de Covas polo que non poderiamos votar a favor desta moción coa redacción do punto segundo, polo que suxeriamos ao Goberno do PSOE con María Loureiro á cabeza, que se de verdade queren axudar ao centro deberan modificar os acordos, polo que propuxemos a seguinte emenda de substitución:

EMENDA SUBSTITUTIVA para o punto segundo da parte resolutiva: Instar á Xunta de Galiza a INCLUÍR NOS ORZAMENTOS DE 2021 unha partida orzamentaria destinada a dotar de zona ou zonas cubertas ao CEIP Plurinlingüe de Covas.

Míriam Bermúdez afirma: “o que está totalmente claro, é que sen unha partida orzamentaria para desenvolver a mellor solución en consenso coa comunidade educativa, non é posible que se materialice, polo que lle pedimos ao PSOE de Viveiro substitución do texto da súa moción polo noso.”

Finalmente a emenda substitutiva do BNG foi aprobada e instarase á Xunta de Galiza a que dote o colexio de Covas de zonas cubertas en consenso coa comunidade educativa deste centro.

Exit mobile version